A Deputación de Ourense leva a Ribadavia a exposición "180 anos de historia provincial"

Compartir

  • A mostra, que está a percorrer as comarcas ourensás, ten como obxectivo poñer en valor os aspectos sociais, económicos, culturais e históricos da provincia.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na igrexa da Madalena de Ribadavia no acto de inauguración na capital do Ribeiro da exposición "180 anos de historia provincial", unha mostra organizada pola Deputación de Ourense que está a percorrer as principais poboacións e cabeceiras de comarca da provincia. O obxectivo da exposición é poñer en valor o que une aos ourensáns desde o punto de vista da xeografía, da historia, das organizacións políticas de cada tempo, da cultura, da lingua, da industria, do comercio, das realizacións e dos proxectos, co propósito de sementar un futuro mellor.

Dun xeito didáctico, en 40 paneis de gran formato, a mostra está concibida como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, desde a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de "provincia" convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.

Do mesmo xeito, a longa historia do concepto "deputación" e a traxectoria moderna da institución, as súas competencias, sedes e patrimonio, ocupan un importante espazo da mostra. Neste contexto, o espectador pode deterse na análise dos proxectos do actual goberno provincial e nas realizacións xa executadas.

O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas, expresamente realizados para a mostra, e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan o protagonismo necesario para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.

Como complemento, editouse un libro catálogo que afonda e amplía os contidos da exposición con diferentes apartados temáticos: "Somos provincia, creamos futuro", por Manuel Baltar; "A provincia, un concepto histórico"; "A provincia moderna"; "O goberno provincial" e "O Inorde", analizando ademais aspectos como o Plan Ourense 92, Ourense como recurso termal e os diversos plans e proxectos que ten en marcha a Deputación de Ourense.