A Deputación de Ourense, Medalla de Ouro da Sociedade Filatélica "Miño"
- A entidade outorgou hoxe o galardón á institución provincial polo seu apoio á cultura e ao coleccionismo.
- No acto presentouse tamén un selo do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" promovido pola sociedade filatélica.
Ourense, 18 de setembro de 2014.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe de mans do presidente da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica "Miño", José Barros, a Medalla de Ouro desta entidade, que entrega á Deputación de Ourense polo seu apoio á cultura e ao coleccionismo. No acto, que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", presentouse tamén un selo deste espazo expositivo promovido pola propia sociedade filatélica, que reproduce unha imaxe do edificio do Centro Cultural.
Manuel Baltar agradeceu a distinción e cualificou á Sociedade "Miño" como un referente cultural "polo traballo que ven realizando dende hai cincuenta anos a prol do coleccionismo, a cultura e a historia da nosa provincia". O presidente provincial afirmou que a Deputación de Ourense seguirá colaborando e cooperando "para que a Sociedade "Miño" acade, aló menos, outros cincuenta anos de éxitos, porque cando alguén honra a Ourense todos temos que estar ao seu carón".
O acto contou tamén coa presenza do director do centro cultural, Francisco González, e directivos e membros da Sociedade "Miño", que percorreron xunto ao presidente Baltar a exposición conmemorativa dos 50 anos da sociedade, que exhibe selos, moedas, fotografías e documentos que lembran a traxectoria desta entidade dende 1964 ata os nosos días.