A Deputación de Ourense, nos órganos de goberno da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
- Manuel Baltar asinou hoxe co Goberno de España, a FEMP e a Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación Turística o protocolo de colaboración desta rede que ten como obxectivo desenvolver un novo modelo de turismo baseado na innovación.
- O protagonismo da Deputación de Ourense neste ámbito vén dado polas iniciativas de vangarda tecnolóxica que impulsa o goberno de Manuel Baltar, entre as que figura o proxecto "Provincia Intelixente", con iniciativas como a presentada en Fitur, "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", unha plataforma integral de turismo intelixente.
- "A provincia de Ourense destaca, pola súa riqueza natural, no sector do turismo de calidade", afirma Baltar, "un eido que incrementará a súa competitividade coa próxima chegada da alta velocidade, acontecemento histórico que temos que acompañar con innovación, servizos, infraestruturas e solucións tecnolóxicas de vangarda".
- Baltar cualifica de "impulso decisivo" para Ourense o feito de que a provincia forme parte dos órganos de goberno da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, "unha excelente plataforma de cooperación sobre intelixencia turística e o intercambio de experiencias e boas prácticas".
Ourense, 27 de febreiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe en Madrid co Goberno de España e con representantes da FEMP; da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur) e doutras administracións locais, o protocolo de actuación para a participación, impulso, apoio e promoción da Rede de Destinos Turísticos Intelixente (Red DTI), que ten como obxectivo desenvolver un novo modelo de turismo baseado na innovación e na vangarda tecnolóxica.
O acto de constitución dos órganos de goberno da Red DTI –nos que se inclúe á Deputación de Ourense- celebrouse na Secretaría de Estado de Turismo en Madrid, e contou coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. A finalidade é a sinatura do acordo de colaboración que vincula ás diferentes administracións públicas e institucións a promover a conversión dos destinos turísticos de España en "destinos intelixentes", impulsando a investigación e o desenvolvemento de novas ferramentas e plataformas turísticas.
Manuel Baltar destaca o protagonismo da Deputación de Ourense neste ámbito da innovación turística, poñendo como exemplo o proxecto "Provincia Intelixente", incluído no Plan Ourense 15-19, "unha iniciativa que supón unha nova forma de xestionar os recursos turísticos", dixo, que inclúe iniciativas como a presentada na pasada edición de Fitur: "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", unha plataforma integral de turismo intelixente, que situará á provincia como referente turístico aproveitando os recursos das tecnoloxías máis vangardistas.
"A provincia de Ourense destaca, pola súa riqueza natural, no sector do turismo de calidade", afirma Baltar, "un eido que incrementará a súa competitividade coa próxima chegada da alta velocidade, un acontecemento histórico que temos que acompañar con innovación, servizos, infraestruturas e solucións tecnolóxicas de vangarda"
Impulso decisivo para Ourense
Baltar cualifica de "impulso decisivo" para Ourense o feito de que a provincia forme parte dos órganos de goberno da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, "unha excelente plataforma de cooperación sobre intelixencia turística e o intercambio de experiencias e boas prácticas que nos permitirá seguir explorando novas iniciativas de sostibilidade social e medioambiental, así como de financiamento e ferramentas de xestión e información, todo elo para ofrecer na nosa provincia, tradición, natureza, termalismo e historia, sempre cun marcado carácter innovador, como demandan os novos perfís do turista".
Precisamente, a plataforma integral de turismo intelixente, "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo", ofrecerá aos turistas un portal web avanzado de información turística e unha aplicación móbil de turismo da provincia, ademais dun planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios. Tamén incluirá sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo. Este proxecto, que foi aprobado na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, suporá para a provincia de Ourense unha inxección económica de tres millóns de euros, co-financiados aos 60 % polo Estado.
Para a consecución deste obxectivo, Manuel Baltar destaca o traballo realizado por Fernando Suárez, director da Área de Transparencia da Deputación de Ourense. "Somos referentes e lideramos ámbitos como o da comunicación institucional ou a transparencia –expresou Baltar- e tamén o que atinxe á innovación turística, citando entre outros exemplos a iniciativa de "termalismo deportivo", na que a provincia de Ourense destaca polas súas singularidades termais e naturais e na preparación de deportistas internacionais de alta competición".
O protocolo de actuación asinado hoxe supón a posta en marcha da primeira rede nacional de destinos turísticos intelixentes, un proxecto que promove consolidar un novo modelo turístico baseado na innovación, coñecemento, tecnoloxía e gobernanza compartida entre as administracións Central, Autonómica e Local.
A Rede, na que se inclúen 70 destinos turísticos de España, pretende configurar como espazos innovadores a ditos destinos, sobre unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que garanta o desenvolvemento sostible do territorio turístico.