A Deputación de Ourense organiza un curso de especialización en técnicas de benestar
- Esta acción formativa habilitará a 18 alumnos nas técnicas de Hidroterapia e Balneoterapia.
Ourense, 26 de outubro de 2017.- A Deputación de Ourense organiza un curso de especialización en técnicas de benestar, en colaboración con Lito Seoane e Grupo Caldaria, que ten como obxectivo habilitar a 18 alumnos nas técnicas de Hidroterapia e Balneoterapia. A presentación desta acción formativa gratuíta tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; a xefa do departamento de Estética de Caldaria, María José Lebón; e o director de Lito Seoane, Luis Seoane.
A deputada de Termalismo explicou que se trata dun curso "que vai liderar a Deputación de Ourense de acordo cas liñas de traballo do Plan de Mandato "Ourense 15-19" onde o Termalismo é un dos piares fundamentais desta lexislatura" e engadiu, "este curso vai a formar a 18 alumnos, nun principio, para poder cubrir unha necesidade que neste momento ten o mercado actual ao carecer de profesionais nestes ámbitos, polo que cremos que financiando esta acción formativa podemos introducir ao mercado laboral a estes profesionais dirixido tanto a xente desempregada cunha certa preparación previa, como a xente que está a traballar pero que non é profesional neste sector".
O curso está dirixido a estudantes con coñecementos de estética ou coidados persoais, a post-titulados en estética, en enfermería ou atención e coidados a persoas de terceira idade, e a profesionais do sector da estética e do masaxe que desexen adquirir ou ampliar os seus coñecementos en Técnicas Hidrotermais-Balneoterapia. A acción formativa divídese en 9 módulos, cunha duración de 180 horas das cales, que se impartirán nas instalacións da escola de Estética de Lito Seoane Centro Studio e nos balnearios de Caldaria. As clases serán do 28 de novembro ata o 20 de marzo de 2018 e as prácticas, nos balnearios, do 20 de febreiro ao 18 de marzo de 2018.
Luís Seoane agradeceu á Deputación de Ourense "o seu esforzo para poder realizar esta actividade formativa importante para a nosa provincia e para o sector termal no que todos confiamos moito e que é o futuro da nosa provincia".
A formación será impartida por persoas "especializadas no mundo da beleza, médicos, fisioterapeutas pero tamén do marketing e da comunicación porque o obxectivo tamén é cos alumnos teñan habilidades sociais para aplicar na atención que presten aos usuarios", explicou o director de Lito Seoane.
A metodoloxía do curso baséase en sesións técnicas, teóricas e prácticas, conferencias, traballos nas nosas instalacións, exposicións, coloquios, e sobre todo prácticas en balnearios que son "fundamentais para o desenvolvemento deste curso", sinalou Luís Seoane.
Pola súa parte, a xefa de departamento de Estética de Caldaria dixo que, no relativo ao apartado práctico, "cos alumnos adquiran as habilidades necesarias para a aplicación destas técnicas termais e conxugalas con técnicas estéticas para sacarlle o máximo rendemento posible".
Os interesados en participar poderán formalizar a inscrición a través da web destas tres entidades de xeito gratuíto.