A Deputación de Ourense participa na Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares

Compartir

Zamora, 15 de decembro de 2016.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe na reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, celebrada na sede da Deputación de Zamora. Na xuntanza abordouse unha proposta sobre un decálogo de actuacións para incrementar a visibilidade destas institucións, no que se contempla a recopilación e difusión das boas prácticas e experiencias innovadoras, accións para sensibilizar e dar a coñecer á poboación o labor que fan estes organismos, crear indicadores provinciais de avaliación, elaborar documentación para difundir sobre as actuacións que desenvolven as Deputacións en materia de desenvolvemento rural, local, infancia, accións sociais, entre outras medidas.

Asemade propúxose na reunión a creación dun grupo de traballo técnico de información xeográfica, dependente desta comisión dotado dunha serie de funcións como: coordinar a información dos diferentes órganos nos que existe representación desde o ámbito local, dotar aos representantes de cada un dos órganos de información técnica para valorar as decisións que se propoñan sobre cuestións que teñan incidencia directa nas administracións locais, e a posta en común dos criterios da administración local en referencia coa información xeográfica.