A Deputación de Ourense participa nun seminario sobre territorios intelixentes que analiza experiencias de España e Italia
- Fernando Suárez explicou na xornada a estratexia dixital da institución provincial que abrangue catro eixos de actuación: Ourense aberto, Ourense rural, Destino Ourense e Ourense eficiente.
Ourense, 29 de maio de 2019.- O director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, impartiu hoxe, xunto ao investigador de Dereito Administrativo do Departamento de Ciencias Sociais e Institucións da Università di Cagliari, Daniele Marongiu, un Seminario sobre territorios intelixentes analizando experiencias de España e Italia.
No seminario, que se impartiu na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando Suárez explicou a estratexia dixital da Deputación de Ourense que abrangue catro eixos de actuación: Ourense aberto, no que se desenvolven iniciativas en materia de transparencia, Open Data e páxinas web; Ourense rural, con iniciativas pensadas para o turismo termal e o enoturismo e para o envellecemento activo; Destino Ourense, que engloba proxectos innovadores como "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo" que desenvolverá a Deputación e Red.es e situará á provincia á cabeza da innovación en turismo intelixente con servizos personalizados e experiencias inmersivas para o visitante; e, por último, Ourense eficiente onde se plantexan propostas para o aforro de custes, de prazos e para centralizar servizos.