A Deputación de Ourense pecha ao público todos os seus centros como medida contra o coronavirus
- O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto, que entra en vigor mañá sábado e que se manterá, en principio, ata o vindeiro 1 de abril.
Ourense, 13 de marzo de 2020.- A Deputación de Ourense decreta o peche ao público de todas as súas instalacións como medida de actuación contra o coronavirus (COVID-19). O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto que recolle o peche dos espazos públicos da Deputación, medida que entra en vigor mañá sábado e que se manterá, en principio, ata o vindeiro 1 de abril.
A resolución establece que ante a extensión da pandemia do virus resulta necesario a adopción de medidas preventivas eficaces que eviten, na medida do posible, a propagación do coronavirus. A tal efecto, con data 12 de marzo reuniuse con carácter extraordinario o Comité de Seguridade e Saúde da Deputación para consultar aos responsables técnicos de prevención de riscos laborais e aos representantes dos empregados públicos provinciais, e á vista das propostas formuladas no seo do Comité, oídos os portavoces do grupos provincial e os responsables técnicos dos distintos servizos provinciais, determínase:
Aprobar o protocolo xeral de actuación da Deputación de Ourense e dos seus organismos e entidades adscritos ou dependentes, en relación co coronavirus COVID–19. O protocolo establece as medidas a adoptar con carácter xeral para a prevención da propagación do coronavirus nos centros de traballo da Deputación de Ourense, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), no Consorcio Provincial de Ourense do Servizo Contra Incendios e de Salvamento (Consorcio CIS) e no Consorcio de Augas de Valdeorras.
As persoas responsables dos distintos centros de traballo, servizos ou unidades administrativas adoptarán as medidas previstas no presente protocolo de forma inmediata e coordinada. A coordinación corresponderá ao deputado–delegado de Administración Provincial, co que se resolverá de forma directa calquera dúbida ou aclaración precisa para a súa aplicación.
A totalidade dos centros de traballo dependentes da Deputación de Ourense, Inorde, Consorcio CIS e Consorcio de Augas de Valdeorras permanecerán pechados ao público con carácter xeral a partir do día 14 de marzo de 2020 e ata o 1 de abril de 2020. En consecuencia, non se permitirá o acceso das persoas que non teñan a condición de cargos electos ou empregados públicos provinciais, agás nos casos excepcionais nos que se conceda cita previa para a atención dos cidadáns. En consecuencia, os servizos culturais, deportivos e de formación de todo tipo, que se prestan de forma presencial ás persoas, incluíndo o uso de instalacións deportivas e a visita a establecementos ou centros culturais ou formativos, quedan suspendidos na súa prestación ata o 1 de abril de 2020.
Esta medida afecta aos servizos prestados pola Sección de Formación da Deputación, Pazo dos Deportes "Paco Paz", Teatro Principal, Centro Cultural "Marcos Valcárcel", Centro de Interpretación da Vida Monástica da Ribeira Sacra, Museo Galego do Entroido, Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", Escola Provincial de Gaitas, Museo Internacional da Cornamusa, Escola de Artes e Oficios, Pazo de Vilamarín, Consorcio CIS e Consorcio de Augas de Valdeorras.
No caso dos servizos obxecto de suspensión gravados con taxas ou prezos públicos, a Deputación procederá de oficio á devolución aos interesados dos importes correspondentes aos servizos xa pagados que non teñan sido obxecto de prestación como consecuencia da súa suspensión. Asemade, queda suspendida a realización de probas selectivas de persoal.
Servizos administrativos
Os servizos de carácter administrativo continuarán a prestarse aos cidadáns, se ben de forma non presencial, utilizando os medios telefónicos e telemáticos dispoñibles. A tal efecto, os interesados poderán tramitar as súas solicitudes e realizar as actuacións que resulten necesarias nos seus expedientes a través da sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense. No caso de que os cidadáns carezan de medios para realización on–line dos trámites, atenderáselles mediante correo electrónico ou telefonicamente, nos seguintes termos:
a) Con carácter preferente, os cidadáns poderán remitir un correo electrónico indicando o trámite que desexen realizar. Os servizos provinciais poranse en contacto cos interesados e facilitaranlles as instrucións a seguir para realizar os trámites. Na medida en que sexa legalmente posible, se facilitará a presentación de documentación mediante correo electrónico, realizándose a presentación no Rexistro Electrónico polos propios empregados públicos.
b) En caso de non dispoñer de correo electrónico, os cidadáns poderán formular as súas consultas de forma telefónica.
Para a remisión do correo electrónico ou a consulta telefónica empregaranse as direccións de correo e teléfonos dos distintos servizos, dispoñibles na web da Deputación. Excepcionalmente, naqueles casos en que non sexa posible a tramitación on–line do asunto de que se trate e este teña carácter urxente, poderá atenderse de forma presencial aos interesados, previa cita que se comunicará de forma telefónica ou mediante correo electrónico, e coa adopción das medidas precautorias oportunas.
Os empregados públicos provinciais que realicen o seu traballo nos servizos obxecto de suspensión continuarán acudindo aos seus centros de traballo para a realización de tarefas de conservación e mantemento dos centros, así como tarefas burocráticas ou de estudo e preparación dos servizos.
Teletraballo
Non obstante o anterior, no caso de postos de traballo susceptibles de desenvolverse mediante teletraballo, os empregados dos servizos afectados pasarán a prestar os seus servizos nesta modalidade, conforme ao sinalado no apartado seguinte.
A Deputación Provincial de Ourense implantará o teletraballo como forma de prestación dos servizos de tódolos seus empregados públicos, sempre que sexa posible. Esta implantación realizarase de forma progresiva. A implantación será impulsada polos diferentes directores de área e coordinada pola Área de Transparencia e Goberno Aberto, e adaptarase ás necesidades dos correspondentes servizos.
A implantación do teletraballo esixirá que o empregado afectado dispoña no seu domicilio de conexión a Internet e dos medios necesarios para desenvolver as súas tarefas. O empregado público realizará o teletraballo no horario ordinario, sen prexuízo das adaptacións que poidan establecerse en casos concretos por motivos de conciliación da vida laboral e familiar. Nos casos en que non sexa posible a implantación do teletraballo, os empregados provinciais continuarán asistindo aos seus centros de traballo para a prestación dos seus servizos.
Sen prexuízo do anterior, no suposto en que non sexa viable a implantación do teletraballo, os empregados públicos provinciais que o soliciten poderán obter un permiso para o cumprimento de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral, polo tempo indispensable, nos termos previstos no artigo 117 do lei do Emprego Público de Galicia. En particular, esta medida aplicarase aos empregados provinciais que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes que se vexan afectados polos peches de centros educativos e de maiores. Non obstante, non poderán concederse estes permisos de forma simultánea no caso no que os proxenitores ou responsables do maior dependente teñan a condición de empregados públicos.
Evitaranse na medida do posible as reunións de traballo, utilizándose preferentemente sistemas de videoconferencia; e a realización de viaxes de traballo esixirá autorización previa do deputado delegado de administración provincial.
Os empregados públicos que sospeiten que poidan estar infectados polo coronavirus non deberán acudir aos centros de traballo, comunicándoo de forma telefónica ou mediante correo electrónico, e deberán contactar coas autoridades sanitarias para os efectos de realizar as probas diagnósticas que procedan.
En todo caso, os empregados públicos que pertenzan a grupos de alto risco, padezan patoloxías crónicas ou teñan familiares con enfermidades graves deberán comunicalo ao Servizo de Recurso Humanos, co fin de estudar a adopción das medidas oportunas, que poderán incluír a exención temporal da obriga de acudir ao posto de traballo.
Órganos colexiados e cargos electos
A resolución determina que queda suspendida no mes de marzo a realización de sesións dos órganos colexiados da Deputación, coa excepción da Xunta de Goberno, que en todo caso reunirase nos supostos que resulten imprescindibles. Os deputados provinciais, así como o persoal dos seus grupos políticos procurarán realizar as súas xestión e actividades de forma telemática ou telefónica, podendo solicitar a asistencia que precisen da Área de Transparencia e Goberno Aberto.
Ademais, dotarase de puntos de hixienización o acceso a tódolos centros de traballo; dotarase de dispensadores automáticos de xabón e desinfectantes en tódolos aseos, e de líquido antiséptico en tódalas dependencias; e colocaranse paneis informativos nos aseos, vestiarios e puntos de acceso, indicando a técnica correcta de lavado de mans.
A empresa prestadora do servizo de limpeza extremará as tarefas de desinfección, aplicando un desinfectante nos pomos das portas e sistemas de apertura de fiestras, nos marcos das portas e nas billas e instalacións sanitarias, cunha frecuencia de dúas horas durante a xornada laboral. O persoal empregará os equipos de protección individual necesarios, seguindo as instrucións do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais para o efecto. Aplicaranse de forma automática e sempre que sexa posible as recomendacións das autoridades sanitarias.
Aprazada a Ourense ICC Week
Asemade, tamén queda aprazada a presente edición da "Ourense ICC Week", que estaba prevista celebrar do 31 de marzo ao 5 de abril. Logo da reunión mantida hoxe polo presidente Baltar cos coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araújo, determinouse, como outra das medidas de protección e contención do coronavirus aprazar a Semana das Industrias Culturais e Creativas ata a primeira quincena de outubro. A organización lamenta as molestias que esta medida poida ocasionar tanto aos participantes como ao público da Ourense ICC Week. En canto ás entradas adquiridas para os eventos xa anunciados, como o concerto de Juan Perro, o Festival Nómada de cultura africana Harmatán, ou o espectáculo de humor #COMICAMENTE de A Rúa, devolverase o importe das mesmas a través do mesmo medio de pago e plataforma en que se realizou a compra. E no que atinxe ás competicións online de eSports continuarán, como estaba previsto. Só se aprazará a fase final presencial en Ourense, para a que se fixará unha nova data na semana na que se celebre a ICC Week.