A Deputación de Ourense pide a NGB fórmulas para evitar o peche permanente de oficinas na provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa reunión de hoxe venres unha declaración na que solicita a Novagalicia Banco o estudo e adopción de fórmulas que eviten o peche permanente de oficinas bancarias na provincia de Ourense, tralas noticias coñecidas onte xoves.
Neste senso, a Xunta de Goberno provincial, na súa reunión de 1 de marzo de 2013, ante a decisión de Novagalicia Bando de peche de oficinas na provincia de Ourense "manifesta a súa preocupación e solicita a Novagalicia Banco que reconsidere o peche de dezaoito oficinas na nosa provincia". Asemade, a declaración subliña que a institución provincial "amosa a súa vontade de colaboración con Novagalicia Banco para analizar conxuntamente fórmulas para que non desapareza a atención á poboación de núcleos rurais, evitando a exclusión financeira de determinados territorios".
Finalmente, a declaración da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense "insta a Novagalicia Banco e aos concellos afectados a que adopten as decisións necesarias, coa colaboración dos medios materiais que estimen precisas, para evitar o peche permanente destas oficinas e que non se deixen de prestar estes servizos bancarios, sinaladamente nos concellos do medio rural".
Servizo contra incendios
Por outra banda, dentro da liña de seguir potenciando a cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos e agrupacións da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención para a Mancomunidade Terra de Celanova de 50.000 euros para o mantemento do Servizo Contra Incendios correspondente ao ano 2013, tal e como se deu conta no pleno de data 12 de decembro de 2012 no que se acordo aprobar o orzamento xeral para o ano 2013, e no que se contemplaba a concesión da devandita achega para a Mancomunidade de Celanova a tal efecto.