A Deputación de Ourense pon a disposición da provincia máis de 14 millóns de euros para obras, servizos, infraestruturas, emprego e mocidade
- O pleno da corporación provincial celebrado hoxe aprobou tamén destinar 5 millóns de euros para amortización da débeda, contemplada no Plan Ourense 15-19, co obxectivo de situar á Deputación en maio de 2019 con "débeda cero".
Ourense, 29 de xaneiro de 2016.- A Deputación de Ourense pon a disposición da provincia máis de 14 millóns de euros para levar a cabo obras, servizos, infraestruturas, melloras viarias e programas orientados ao emprego e á mocidade. Así o aprobou hoxe o pleno da corporación provincial, que tamén acordou destinar 5 millóns de euros para amortización da débeda, contemplada no Plan Ourense 15-19, con obxectivo de situar á Deputación en maio de 2019 con "débeda cero".
O orzamento do Plan provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e Rede Viaria Provincial 2016 aprobado hoxe ascende a un total de 7.549.859 euros (5 millóns para obras e 2 millóns para a rede viaria), sendo a achega da Deputación de Ourense de 6,7 millóns de euros mentres, que os concellos achegan 798.720 euros. Neste orzamento tamén se inclúen as achegas do réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira (475.500 euros). En canto ao Plan Complementario para Obras Municipais e Rede Viaria da Deputación a achega total é de 5,2 millóns de euros.
Asemade, para o Programa de Empregabilidade, que ten como obxectivo contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando, asemade, a contratación dos recursos humanos necesarios, o orzamento que se destina é de 910.000 euros; e para o Plan de Mocidade, que ten a finalidade de financiar actividades desenvolvidas polos concellos a prol da xuventude o investimento total para 2016 ascende a 546.000 euros. A estas cantidades hai que engadir 2.000.000 euros, contemplados no primeiro expediente de modificación de créditos deste año, que se destinarán para investimentos a concellos.
Outros acordos do pleno
APROBACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE EXTINCIÓN DE INCENDIOS NO PARQUE DE BOMBEIROS DA DEPUTACIÓN DO POLÍGONO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS
Acordo:
Aprobar inicialmente a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios no parque de bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, conforme co seguinte texto:
Ao abeiro do disposto no artigo 132 e de conformidade co establecido nos artigos 15 ó 19, en relación cos artigos 20 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, esta Deputación establece a taxa pola prestación do servizo de extinción de incendios, que se rexerá por esta Ordenanza Fiscal.
A presente ordenanza trala súa aprobación conforme o disposto no artigo 33 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e ao abeiro do establecido no artigo 17 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, rexerá a partires da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
De acordo co artigo 17 do RD lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o expediente será exposto o público tras o anuncio do Boletín Oficial da Provincia e nun diario dos de maior difusión durante o prazo de 30 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.
O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.
APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA POR SUPLEMENTO DE CRÉDITO E CRÉDITO EXTRAORDINARIO N.º 1/2016
Acordo:
1º.- Aprobar o expediente de modificación orzamentaria por suplemento de créditos e crédito extraordinario n.º 1/2016 según expediente.
APROBACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E REDE VIARIA PROVINCIAL 2016
Acordo:
Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2016 (Plan Base), co detalle que figura na relación de obras para o efecto redactada, co seguinte resumo:
|
PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN E ESTRADAS |
|||
|
|
DEPUTACIÓN |
CONCELLOS |
TOTAL |
|
1.- Obras municipais |
4.278.638,85 € |
798.720,49 € |
5.077.359,34 € |
|
2.- Réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta |
472.500,00 € |
|
472.500,00 € |
|
2.- Rede Viaria Deputación |
2.000.000,00 € |
|
2.000.000,00 € |
|
TOTAL |
6.751.138,85 € |
798.720,49 € |
7.549.859,34 € |
|
PLAN COMPLEMENTARIO |
|||
|
|
DEPUTACIÓN |
CONCELLOS |
TOTAL |
|
Obras municipais |
4.040.000,00 € |
186.152,63 € |
4.226.152,63 € |
|
Rede Viaria Deputación |
1.070.000,00 € |
|
1.070.000,00 € |
Someter o Plan a información pública mediante anuncio no BOP, para que se poidan formular alegacións ou reclamacións durante o prazo de 10 días. Se se presentan alegacións ou reclamacións o Plan debe ser sometido novamente á Corporación Provincial, para o acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se presenten alegacións ou reclamacións, o Plan entenderase definitivamente aprobado, sen necesidade de novo acordo.
APROBACIÓN DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN EN MATERIA DE EMPREGABILIDADE 2016
Acordo:
Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2016, co seguinte contido:
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2016. A finalidade deste Programa é a contribución ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando, asemade, a contratación dos recursos humanos necesarios co dito fin, tanto a través das figuras contractuais propias da lexislación laboral como a través de contratos administrativos, de ser o caso.
Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que contraten persoal en réxime de dereito laboral ou subscriban contratos administrativos, típicos ou especiais, con empresarios suxeitos ao réxime de autónomos, para a realización de actividades da súa competencia durante o exercicio 2016.
Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas contratacións.
A subvención concedida a cada concello poderá acadar a contía máxima de 10.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados aos contratos subvencionados.
Para as subvencións incluídas na presente convocatoria consignarase o crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016, por importe global máximo de 910.000,00 €.
As solicitudes, subscritas polo alcalde interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.
As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
- Declaración, subscrita polo presidente, de que o concello non se atopa incurso en ningunha prohibición de percibir subvencións públicas conforme co disposto no artigo 13 da Lei xeral de subvencións.
- Declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas polo concello ou que lle fosen concedidas para o financiamento dos contratos para os que se solicita subvención.
APROBACIÓN DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN EN MATERIA DE MOCIDADE 2016
Acordo:
Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o exercicio 2016, co seguinte contido:
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o exercicio 2016. A finalidade deste Programa é a contribución ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia en prol da mocidade ao longo do exercicio 2016.
Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que desenvolvan calquera actividade en prol da mocidade durante o exercicio 2016.
Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas actuacións.
A subvención concedida a cada concello poderá acadar a contía máxima de 6.000,00 € e ata o 100% dos custos derivados das actividades subvencionadas.
Para as subvencións incluídas na presente convocatoria consignarase o crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016, por importe global máximo de 546.000,00 €.
As solicitudes, subscritas polo alcalde interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.
As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
- Declaración, subscrita polo presidente, de que o concello non se atopa incurso en ningunha prohibición de percibir subvencións públicas conforme ó disposto no artigo 13 da Lei xeral de subvencións.
- Declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas polo concello ou que lle fosen concedidas para o financiamento das actividades para as que se solicita subvención.
USO DA ESTACIÓN DE CAMPOBECERROS AO ABEIRO DO PROGRAMA ESTACIÓNS DO INORDE
Acordo:
Que unha vez finalizadas as obras do AVE, as instalacións da Estación de Campobecerros pasen a ser centro de recepción de visitantes do Parque Natural de O Invernadeiro e albergue, para o cal fora concibido o proxecto orixinal.
APROBACIÓN DA MOCIÓN RELATIVA Ó ERE QUE ESTÁ LEVANDO A CABO A EMPRESA PÚBLICA TRAGSA
Acordo:
1.- Solicitarlle ao Goberno do Estado a realizar as xestións necesarias para garantir que o grupo de empresas públicas de TRAGSA repoña o emprego destruído, readmitindo ás persoas xa despedidas,e a trasladarlle o seu profundo rexeitamento dado que resulta moi prexudicial para os intereses de Galiza, tanto pola destrución e perda de máis emprego no noso país, como pola afectación á encomenda de obras e servizos que mantén coa administración galega e que afectan a servizos e actuacións públicas esenciais.
2.- Instar á empresa a que de inmediato se constitúa unha mesa de negociación coa representación dos e das traballadoras na que se analicen as fórmulas concretas para a reposición nos seus postos de traballo de todos os e as traballadoras que xa foran despedidas e que en todo caso se lles garantan as mesmas condicións e dereitos que tiñan con anterioridade ao despido.
APROBACIÓN DA PROPOSTA DE DECLARACIÓN DE CADUCIDADE DO EXPEDIENTE DE RESOLUCIÓN DO CONTRATO ADMINISTRATIVO ESPECIAL PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA DE EQUITACIÓN DE VILAMARÍN E INCOACIÓN DUN NOVO EXPEDIENTE DE RESOLUCIÓN DO CONTRATO
Acordo:
Declarar a caducidade do procedemento de resolución do contrato administrativo especial para a prestación do servizo de Escola de Equitación de Vilamarín , incoado por acordo do Pleno da Deputación do 25 de setembro de 2015, ao ter transcorrido o prazo máximo de resolución (3 meses) sen que se adoptase o correspondente acordo.
O presente acordo de declaración de caducidade adóptase por razóns de seguridade xurídica, tendo en conta que tanto a suspensión da tramitación do expediente con ocasión da solicitude do ditame do Consello Consultivo como a posterior ampliación do prazo de resolución por decreto da Presidencia do 22 de decembro de 2015, puideran non axustarse plenamente aos estritos requisitos legais de validez e eficacia dos ditos acordos, conforme coa xurisprudencia máis recente do Tribunal Supremo.
Incoar expediente de resolución do contrato administrativo especial para a prestación do servizo da Escola de Equitación de Vilamarín por incumprimento culpable do contratista Equus-Ourense SL, consistente na falta de pago do canon ofertado e dos gastos do anuncio da licitación.
Conceder audiencia, na súa condición de interesada no expediente, a Equus-Ourense, SL co fin de que durante o prazo improrrogable de dez (10) días naturais, contados desde o seguinte ao da recepción da notificación deste acordo de incoación, poida formular as alegacións e achegar cantos documentos e xustificantes conveñan ao seu dereito, de conformidade co disposto no artigo 109.1.a) do Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.
AXENCIA PROVINCIAL DA ENERXÍA E DO MEDIO AMBIENTE
Acordo:
Que a Deputación Provincial de Ourense continúe coas xestións e dotación orzamentaria para a posta en marcha da Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente tal e como figura no plan de mandato Ourense 15-19, proxecto que coñecen os gobernos autonómico, nacional e a propia Comisión Europea.
OBSERVATORIO ECONÓMICO OURENSÁN
Acordo:
Rematado o ciclo no 2015, remodelar e adecuar o Observatorio Económico Ourensán, mantendo o mesmo rigor e esencia, e co fin de incrementar a súa utilidade:
Dotalo dun sistema de actualización continuado.
Profundizar na liña/indicadores que permitan reflictir a actividade provincial, ampliando o foco dende o que esta realidade se observa.
Adaptalo ás oportunidades e cambios que ofrecen as publicacións dixitais e a extensión do uso de internet.
Engadirlle unha dimensión participativa/colaborativa.
DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DO PEREIRO DE AGUIAR EN MATERIA DE XESTIÓN RECADATORIA
Acordo:
1º.- Aceptar a delegación do exercicio das competencias de xestión recadatoria das multas coercitivas para execución de actos administrativos municipais, adoptada polo Concello do Pereiro de Aguiar mediante acordo do 4 de decembro de 2015, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias en materia de xestión recadatoria, así como polo disposto na lexislación vixente en materia de recadación de ingresos de dereito público.
2º.- Rexeitar a delegación do exercicio das competencias de execución forzosa (mediante medios diferentes á multa coercitiva) de actos municipais en procedementos de reposición da legalidade urbanística, data a actual carencia de medios da Deputación Provincial para asumir con carácter xenérico a dita delegación.