A Deputación de Ourense pon en marcha a campaña de vialidade invernal 2017-2018

Compartir

  • 50 persoas, 12 vehículos e maquinaria e 1.000 toneladas de sal integran o dispositivo e medios para afrontar o inverno nas estradas provinciais.

Ourense, 2 de novembro de 2016.- A Deputación de Ourense pon en marcha a campaña de vialidade invernal 2017-2018, un operativo integrado por 50 persoas, dispoñibles as 24 horas os días de alerta, que disporá de 1.000 toneladas de sal e 12 vehículos e maquinaria -catro quita-neves, dous dumpers, un tractor, dous camións e tres todoterreo-, equipados con coitelas e dispensadores de sal e cun dispositivo GPS para localizar a súa posición en todo momento a través da web da Deputación de Ourense, co obxectivo de coñecer a súa posición e axilizar ao máximo a coordinación do seu labor.

Desta maneira, a Deputación de Ourense é a primeira administración pública galega en iniciar a campaña de vialidade invernal. O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, reuniuse coa xefa de Recursos Humanos, Paloma Domínguez; co xefe de Vías e Obras, Jose Manuel González, co xefe do Parque de Maquinaria, José Firvida, e o xefe de Conservación e Explotación, Antonio Sánchez Moro, para coordinar as actuacións que se levarán a cabo na tempada 2017-2018.

"Esta campaña pretende reforzar a seguridade nas estradas provinciais para facer fronte ás adversidades meteorolóxicas propias do inverno", asegurou Pablo Pérez, quen destacou "a importancia de traballar conxuntamente as diferentes áreas da institución implicadas na campaña para ofrecer un servizo de calidade aos cidadáns", e explicou que con este operativo repartiranse 1.000 toneladas de sal, "aínda que estarán tamén a disposición de todos os concellos e mancomunidades da provincia que o desexen, prestando especial atención ás zonas máis montañosas da provincia de Ourense".