A Deputación de Ourense pon en marcha un laboratorio de ideas sobre turismo

Compartir

Trátase do chamado “hackathon”, no eido do proxecto europeo POST “Turismo Policéntrico sostible”, Programa Espacio Atlántico del período 2021-2027, financiado por FEDER ao 75%

O obxecto consiste en que 25 participantes de diferentes disciplinas traballen no turismo do futuro a través dun enfoque innovador e sostible que busca redistribuír os fluxos turísticos da costa cara o interior

As inscricións están abertas ata o 10 de outubro e poden realizarse na web: 101area.com/hackathon_ourense

Ourense, 6 de outubro de 2025.

Ourense acollerá o 25 de outubro un Hackathon- Laboratorio de ideas para repensar o turismo, organizado pola Deputación de Ourense e o proxecto europeo POST. “Hackathon” nace de xuntar as palabras hacker e maratón, un modelo de solucións a través do cal a Deputación de Ourense aspira a que 25 participantes de diferentes disciplinas traballen no turismo do futuro a través dun enfoque innovador e sostible que busca redistribuír os fluxos turísticos da costa cara o interior.

Xóvenes talentos, startups, profesionais do turismo e axentes locais, en base á información recollida durante a fase de análise, conformarán 5 equipos, equilibrando coñecementos técnicos, habilidades de negocio, creatividade e experiencia sectorial. Esta estrutura de traballo fomentará a colaboración e aumentará a calidade das solucións nas mesas de traballo: Rutas intelixentes e multiexperiencia, gamificación cultural e rural, mobilidade verde e accesible, pasaportes territoriais e recompensas e cambio climático e recuperación da paisaxe. 

Esta última temática xira en torno á problemática dos eventos climáticos extremos que sofre a provincia e aos impactos que xeran, poñendo o foco na vaga de incendios que sufriu a provincia de Ourense este verán.

A fase virtual, con sesións e acompañamento, celebrarase do 13 de outubro ao 24 de outubro. Pola súa banda, a Demo Day terá lugar o 25 de outubro no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, onde un xurado profesional entregará ata 1.500 € en premios.

As inscricións están abertas ata o 10 de outubro e poden realizarse a través do formulario da web: https://101area.com/hackathon_ourense/ . Tamén se pode atopar mais información nos perfís do proxecto creados en Instagram e Youtube.

O Comité de Seguimento do Programa Espacio Atlántico, acordou a concesión dunha axuda do 75% do FEDER ao proyecto POST- Turismo policéntrico sostible: Identificación dunha estratexia cara a sostibilidade do sector atlántico, presentado á primeira convocatoria do Programa Espacio Atlántico do período 2021-2027. O proxecto conta cun orzamento total de 1.547.964,45€ e está integrado por 10 socios: o Eixo Atlantico do Noroeste Peninsular (BP), a Deputación de Ourense, o INORDE, Turismo de Porto e Norte de Portugal, Municipio de Braga, Instituto Politecnico de Viana do Castelo, Dun Laoghaire Rathdown County Council (Irlanda), Atlantic Technological University – Campus of Sligo (Irlanda), Atlantic Cities e o PETR Ouest Charente – Pays du Cognac (Francia).

O principal obxectivo deste proxecto é desenvolver e testar o concepto de “Turismo Policéntrico”; un enfoque innovador que pretende redistribuír os fluxos turísticos nos territorios do interior galego, portugués, francés e irlandés a través de medidas que favorezan o desenvolvemento sostible do territorio.