A Deputación de Ourense pon en marcha un proxecto de eficiencia enerxética coa implantación de instalacións minieólicas

Compartir

- Aplicará este sistema en depuradoras de augas residuais e realizará un estudo sobre o rendemento e o consumo destas instalacións.

- A iniciativa enmárcase no proxecto RETALER II, cofinanciado con fondos europeos e realizado por administracións españolas e portuguesas da "Raia".

A Deputación de Ourense márcase como un dos seus obxectivos contemplado no Plan de Estratexia Operativa OURENSE 92 a optimización enerxética e o desenvolvemento de iniciativas que permitan seguir incrementando o uso das enerxías renovables. Así o contempla no cronograma de actuacións do Plan OU92, que prevé para o vindeiro mes de novembro a presentación dun Plan de Optimización Enerxética da Deputación de Ourense, que ten como obxectivo a máxima optimización dos sistemas enerxéticos cunha firme aposta polas enerxías renovables.

Nesta liña, a institución provincial está a desenvolver –no marco do Programa europeo RETALER II- un proxecto piloto que permitirá a implantación de catro instalacións minieólicas en depuradoras de augas residuais, e realizará un estudo sobre o rendemento e redución do consumo enerxético nestas instalacións, co obxectivo de reducir o custe de funcionamento das depuradoras e acadar unha maior eficiencia enerxética. O proxecto contempla tamén a realización dunha campaña publicitaria para dar a coñecer aos cidadáns os resultados de todas as actuacións que a Deputación de Ourense leva realizado no ámbito da eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

A finalidade do Proxecto RETALER II é a consolidación da Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables, constituida por administracións españolas e portuguesas da "Raia", xa iniciada coa aprobación do primeiro proxecto RETALER I na anterior convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

Os 13 socios do proxecto RETALER II son as deputación de Ourense, Badaxoz (xefe de fila do proxecto), Pontevedra, Salamanca e Huelva, a Agencia de Energía e Ambiente do Algarve, a Comunidade Intermunicipal do Alentejo Central, o Organismo Autónomo para o Desenvolvemento Local da Deputación de Cáceres, a Asociación de Municipios da Terra Fría do Nordeste Trasmontano, a Comunidade Intermunicipal do Alto Alentejo, a Agencia Regional da Energía e Ambiente do Interior, o Clúster da Enerxía de Extremadura e a Mancomunidade de Municipios Serra de Gata.

O proxecto RETALER II foi presentado a través da Sección de Planificación e Seguimento de Investimentos á segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza, encaixándose na prioridade 3 (Promover a cooperación e xestión conxunta en accesibilidade e ordenación territorial). O obxectivo fundamental deste proxecto é a cooperación entre autoridades locais raianas en materias de eficiencia enerxética e enerxías renovables, promovendo a súa implantación dende un enfoque integrado e homoxéneo que supere as súas áreas rexionais e responda os retos do devandito programa operativo.

O custe total do proxecto ascende a un total de 2.421.110 euros, sendo o porcentaxe de cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do 75%.