A Deputación de Ourense presenta a Campaña de Vialidade Invernal

Compartir

49 vehículos, entre quitaneves, camións, cargadoras e motoniveladoras, traballarán nos 2.340 quilómetros de estradas provinciais e municipais.

O obxectivo e reforzar a seguridade nas estradas a causa da meteoroloxía adversa nos meses de inverno, principalmente a neve e o xeo que poidan afectar ás vías.

A previsión de almacenaxe de sal para as estradas achégase ás 1.900 toneladas e o persoal da Deputación adscrito a este operativo é de 62 persoas entre técnicos, celadores, vixiantes e operadores de maquinaria.

Como novidade este ano incorpóranse equipos GPS nas quitaneves e nos vehículos de vixiantes de liñas.

A Deputación de Ourense presentou hoxe na explanada do Pazo dos Deportes "Paco Paz" a Campaña de Vialidade Invernal 2012-2013, cuxo obxectivo é reforzar a seguridade nas estradas provinciais para facer fronte ás adversidades meteorolóxicas propias do inverno. Para elo, ponse en marcha un operativo que contará con 49 vehículos e maquinaria, entre quitaneves, camións, cargadoras, motoniveladoras e vehículos de menor tamaño con cuchilla, que actuarán nos 2.340 quilómetros de estradas da provincia de Ourense (1.840 dos cales pertencen a vías provinciais e 500 a vías municipais).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo xefe do Servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense, José Manuel González, presentou a campaña e deu conta do dispositivo, materiais e equipamentos que se poñen en marcha nas estradas da provincia de Ourense, así como do protocolo de actuacións que se levará a cabo en materia de vialidade invernal. Como novidade este ano incorpóranse equipos GPS nas quitaneves e nos vehículos dos vixiantes de liñas.

Cabe destacar que a previsión de almacenaxe de sal para as estradas achégase ás 1.900 toneladas e o persoal da Deputación adscrito a este operativo é de 62 persoas entre técnicos, celadores, vixiantes e operadores de maquinaria, persoal que podería incrementarse se as condicións meteorolóxicas fosen extremas. O almacenaxe de sal realízase en almacéns situados nos concellos de San Cibrao das Viñas (800 toneladas), Viana do Bolo (200), Xinzo (200), Verín (200), Bande (150), Pobra de Trives (100), Parada do Sil (100), O Carballiño (100) e O Barco (40).

A Deputación de Ourense redactou un convenio marco de asistencia aos concellos en materia de vialidade invernal para facilitarlles aos municipios a compra de sal e garantirlles o manter as estradas abertas e operativas para a circulación. O importe estimado de compra de sal para esta campaña estímase en 82.000 euros (que pode reducirse ou incrementarse en función das condicións meteorolóxicas).

Asemade, a Deputación pon en marcha un Protocolo de Vialidade Invernal no que recolle os diferentes servizos que desenvolve e os teléfonos de contacto para o operativo, entre os que figuran os da Policía, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, outras administracións e o operativo interno da Deputación de Ourense. O protocolo inclúe tamén un telefono de asistencia para os cidadáns: 988230352, e un correo-electrónico: emergencias@depourense.es, por medio dos cales poden dar conta de calquera incidencia relacionada co estado das estradas durante este inverno.

As comarcas que se prevén poden ser as máis afectadas polas inclemencias meteorolóxicas do inverno son a comarca de Valdeorras, Terras de Trives, Baixa Limia, A Limia e Avión e San Cristovo de Cea.