A Deputación de Ourense presenta en Celanova a exposición "180 anos de historia provincial"
- A mostra foi inaugurada polo presidente provincial, Manuel Baltar, no Mosteiro de San Rosendo.
A Deputación de Ourense, en colaboración co Concello de Celanova, presentou hoxe venres no Mosteiro de San Rosendo, a exposición "180 anos de historia provincial", unha mostra que está a percorrer as comarcas ourensás e que ten como obxectivo poñer en valor o que une aos ourensáns desde o punto de vista da xeografía, da historia, das organizacións políticas de cada tempo, da cultura, da lingua, da industria, do comercio e dos proxectos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta exposición, organizada pola institución provincial, que está a percorrer as principais poboacións e cabeceiras de comarca da provincia. Por medio de 40 paneis de gran formato, a mostra está concibida como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, desde a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de "provincia" convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.
Asemade, a historia do concepto "deputación" e a traxectoria moderna da institución, así como as súas competencias, sedes e patrimonio, ocupan un importante espazo da mostra. Neste contexto, o espectador pode deterse na análise dos proxectos do actual goberno provincial e nas realizacións xa executadas. O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan protagonismo para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.
Como complemento, editouse un libro catálogo que afonda e amplía os contidos da exposición con diferentes apartados temáticos: "Somos provincia, creamos futuro", por Manuel Baltar; "A provincia, un concepto histórico"; "A provincia moderna"; "O goberno provincial" e "O Inorde", analizando ademais aspectos como o Plan Ourense 92, Ourense como recurso termal e os diversos plans e proxectos que ten en marcha a Deputación de Ourense.