A Deputación de Ourense presenta no Foro Atlántico de Vigo a riqueza termal da provincia
O vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, clausurou o evento e falou do programa de "termalismo saudable".
Vigo, 22 de decembro de 2015.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou en Vigo no Foro Atlántico "Ourense provincia termal", un evento que tivo lugar no Círculo de Empresarios de Galicia con representantes institucionais e empresariais e colectivos sociais e no que Fernández expuxo os elementos que caracterizan á provincia de Ourense pola súa riqueza termal, ademais de presentar o programa de "Termalismo saudable" que desenvolve a Deputación de Ourense.
O acto contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen destacou a "relación de irmandade" entre Ourense e Vigo, e subliñou a importancia das políticas sociais. Rosendo Fernández remarcou a necesidade "de seguir impulsando a cooperación público-privada a prol do sector do termalismo, como ven facendo a Deputación de Ourense", e afirmou que o Plan "Ourense, a provincia termal", promovido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e que están a executar o goberno provincial e a Xunta de Galicia "conta con iniciativas concretas, cun cronograma de actuacións e con compromisos das administracións coas achegas económicas correspondentes, para facer realidade os soños de moitas xeracións e pór en valor o noso gran recurso. O noso gran tesouro: o termalismo".
O foro de debate enmárcase dentro do programa de termalismo social que a Deputación de Ourense e os balnearios da provincia desenvolven por terceiro ano consecutivo e con cifras que seguen a incrementarse, 7.000 pernoctacións en 2015.