A Deputación de Ourense, primeira de España en Transparencia
- A institución que preside Manuel Baltar lidera o ranking que inclúe a todos os gobernos provinciais e insulares, segundo os datos publicados hoxe pola Asociación Transparencia Pública Dyntra.
- Dos datos avaliados, a Deputación de Ourense rexistra un índice de Transparencia do 91,06 %, 5 puntos por riba do segundo goberno provincial, a Deputación de Granada, e superando case en 10 puntos ao terceiro, a Deputación Foral de Gipuzkoa.
- Baltar considera que este liderado é consecuencia das políticas de "máxima interacción cos cidadáns" por parte da Deputación de Ourense e de manter "un constante compromiso por compartir toda a información que a lei permite, a través das canles máis eficaces e inmediatas".
- Manuel Baltar participa mañá en Alicante no cumio de líderes de Transparencia en España, o Opengov Leadership Summit 2017, encontro no que exporá as claves de éxito da Deputación de Ourense en "goberno aberto".
Ourense, 19 de outubro de 2017.- A Deputación de Ourense é a primeira de España en Transparencia. Así o reflicten os datos da Asociación Transparencia Pública Dyntra, publicados hoxe, que destacan que a institución que preside Manuel Baltar ocupa o primeiro posto no ranking que inclúe a todos os gobernos provinciais e insulares, cun índice de Transparencia do 91,06 %, 5 puntos por riba do segundo goberno provincial, a Deputación de Granada, e superando en cas 10 puntos ao terceiro, a Deputación Foral de Gipuzkoa.
O presidente da Deputación de Ourense considera que este liderado é consecuencia das políticas de "máxima interacción cos cidadáns e cos gobernos locais da provincia" por parte da Deputación de Ourense, e de manter "un constante compromiso por compartir toda a información que a lei permite, a través das canles máis eficaces e inmediatas, con iniciativas innovadoras de goberno aberto", explica Manuel Baltar, reafirmándose na necesidade "de non estar nunca conformes e de seguir aspirando ao máximo da transparencia, porque esa é unha cuestión que nos ocupa para render contas permanentemente diante das veciñas e veciños da provincia de Ourense".
Precisamente, mañá, Manuel Baltar participa en La Nucía (Alicante) no cumio de líderes da Transparencia en España, o Opengov Leadership Summit 2017, onde exporá as claves de éxito da Deputación de Ourense en "goberno aberto". Na mesa titulada: "Os líderes da Transparencia en España", Manuel Baltar intervirá como relator xunto a Javier Maroto, vicesecretario nacional de Políticas Sociais do Partido Popular; Augusto Hidalgo, alcalde de As Palmas, e Odón Elorza, secretario de Área de Transparencia e Democracia Participativa da CEF-PSOE.
Claves do liderado
Desde hai meses a Deputación de Ourense vén ocupando os primeiros postos neste ranking que agora lidera, destacando xa como a primeira de Galicia, liderando todos os índices analizados: Transparencia Institucional e Económica, Acceso á información, Participación e colaboración, Contratacións de servizos e Servizos e Apoio a municipios.
As claves deste liderado en Transparencia están, segundo Manuel Baltar na participación cidadá, as políticas de goberno aberto impulsadas desde a institución provincial, a innovación e eficiencia na cooperación con cidadáns e cos concellos.
Proxectos innovadores como o de "Provincia Intelixente" e as acción levadas a cabo para potenciar a "marca Ourense" en ámbitos como o deporte, o turismo, o termalismo ou o medio ambiente, entre outros, teñen situado á Deputación de Ourense como referente nacional e internacional en foros nos que o modelo ourensán ten sido comparado con iniciativas de xestión pública de vangarda como as que desenvolven territorios como Bos Aires, Curitiba (Brasil) ou Toronto (Canadá).
Asemade, o Plan de mandato "Ourense 15-19" contén a posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadán así como a reforma do regulamento para incluír as preguntas ao presidente dos veciños da provincia". Tamén a web da Deputación de Ourense foi a primeira dun goberno provincial en España en retransmitir as sesións plenarias, e permite –tamén con carácter pioneiro- visualizar en directo ás comisións do ente provincial, ás aperturas de plicas das mesas de contratación ou os sorteos dos membros de tribunais nas probas de acceso ao emprego público.
Tamén, a Deputación de Ourense sitúase como primeira de España no ámbito da comunicación na rede social Twitter, segundo o barómetro da consultora Postanalytics, que analiza o ranking dos gobernos provinciais en canto a seu impacto e influencia en Twitter, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destaca como líder máis activo dos 46 presidentes provinciais de España.
En canto a innovación tecnolóxica e participación cidadá, a Deputación de Ourense converterase na primeira institución pública do Estado en implantar o sistema de "Auditoría Social da Transparencia", un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real.
Esta innovadora ferramenta, desenvolvida por Dyntra -a plataforma global da Sociedade Civil para a Transparencia e Rendición de Contas das Institucións-, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense. Ademais, permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua, nun exercicio único de rendición de contas en España. Só dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, serán pioneiras neste sistema, que consolida o concepto de auditoría social e transparencia.