A Deputación de Ourense reafírmase no apoio ao mantemento dos 170 postos de traballo de T-Solar
- Manuel Baltar comprometeuse hoxe, trala reunión mantida con traballadores da empresa, a seguir realizando as xestións institucionais que sexan necesarias para a defensa do emprego.
A Deputación de Ourense reafírmase no apoio ao mantemento dos 170 postos de traballo da empresa T-Solar, ubicada no Parque Tecnolóxico de Galicia. Así llo confirmou hoxe o presidente da institución provincial, Manuel Baltar, na reunión que mantivo con traballadores de T-Solar, cos que se reuniu no seu despacho do Pazo Provincial.
Os traballadores plantexáronlle a Manuel Baltar a súa preocupación pola situación que atravesan na actualidade as 170 familias que padecen este conflito laboral e pedíronlle o seu apoio institucional, ante o cal o presidente da Deputación comprometeuse a facer diante da Xunta de Galicia "todas as xestións necesarias na defensa dos postos de traballo en T-Solar", sendo unha "máxima prioridade" "atopar unha solución para que as 170 persoas afectadas poidan ter o seu posto de traballo nesta planta ourensá".
Baltar dixo que diante da difícil situación económica "comprende a defensa que os traballadores fan do seu emprego", e comprometeuse a "esgotar todas as vías de intermediación de que dispón a Deputación de Ourense" na procura dunha solución en favor dos 170 traballadores.
"Estamos diante dunha situación moi grave ante a que non valen os posicionamentos partidistas porque o único que queren os traballadores é que se lles solucione o seu problema, e para elo temos que sermos eficaces e poñernos todas as administracións na defensa de algo tan fulcral como é o emprego a prol destes traballadores", afirmou o presidente provincial.