A Deputación de Ourense recibe máis de 1,6 millóns de euros para fomentar o emprego xuvenil
- O proxecto "EmpregOU" obtivo hoxe luz verde coa publicación no BOE da resolución de axudas do Fondo Social Europeo, unha iniciativa contemplada no "Plan Ourense 15-19", que ten como obxectivo mellorar a formación e a empregabilidade de mozos de entre 16 e 30 anos residentes na provincia de Ourense.
- A posta en marcha deste proxecto "dará un novo impulso ao emprendemento e ao apoio do emprego xove na nosa provincia, e amosa a importancia da cooperación entre a Deputación de Ourense e o Ministerio de Industria", afirma Manuel Baltar.
- O presidente da Deputación destaca que o proxecto EmpregOU "ten carácter provincial e está enfocado a mellorar a empregabilidade da mocidade da provincia en sectores con alto potencial de xerar emprego, como o termal, o tecnolóxico ou o agroalimentario, principalmente".
Ourense, 20 de xullo de 2017.- A Deputación de Ourense recibirá máis de 1,6 millóns de euros (1.654.940 €) para levar a cabo o proxecto "EmpregOU", promovido pola Deputación de Ourense para o fomento do emprego xuvenil na nosa provincia. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe a resolución de axudas do Fondo Social Europeo (FSE), entre as que figura a destinada ao proxecto EmpregOU, unha iniciativa contemplada no plan de mandato "Ourense 15-19" -creado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar-, que ten como obxectivo a mellora da formación e a empregabilidade de menores de 30 anos residentes na provincia ourensá.
Manuel Baltar saúda "moi positivamente" esta resolución do BOE e destaca que a posta en marcha deste proxecto "dará un novo impulso ao emprendemento e ao apoio do emprego xove na nosa provincia, e amosa a importancia da cooperación entre a Deputación de Ourense e o Ministerio de Industria nun ámbito de tanta importante como e o emprego, a formación e o apoio á incorporación dos xóvenes ao mercado laboral".
O proxecto aprobado, presentado pola Deputación de Ourense, "ten carácter provincial, desenvolverase a partir de setembro, e está enfocado a mellorar a empregabilidad da mocidade da provincia en sectores con alto potencial de xeración de emprego, como son o termal, o tecnolóxico ou o agroaliamentario, principalmente", remarca Manuel Baltar.
A resolución da convocatoria de axudas do FSE 2017 fíxose pública hoxe, enmarcadas no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (axudas AP-POEJ), destinadas á integración sustentable de persoas xóvenes no mercado de traballo no contexto do Sistema Nacional de Garantía Juvenil. O obxecto desta convocatoria é o cofinanciamento de proxectos promovidos por entidades locais que inclúa a realización de actividades formativas para mellorar a empregabilidade de persoas maiores de 16 anos e menores de 30 anos, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo e que estean rexistradas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Juvenil, estean ou non inscritas como solicitantes de emprego.
Esta alianza a prol do emprego na provincia de Ourense foi asinada hai meses polo presidente da Deputación e o director xeral da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), pertencente ao Ministerio de Industria, Fernando Bayón, como xa fixeron en anteriores convocatorias, un acordo que contempla tres liñas de actuación: aceleración de emprendedores, programa de emprego xuvenil e axudas económicas a empresas para a contratación. Todo elo coa finalidade de mellorar a formación dos xóvenes para o seu acceso ao mercado laboral, por medio de cursos especializados, e tamén fomentar a contratación, a través de axudas a empresas para a contratación de xóvenes desempregados, e fomentar tamén o autoemprego, con actividades de formación e axudas para que poidan poñer en marcha a súa propia empresa.