A Deputación de Ourense recupera 480.000 euros dos fondos europeos
- As xestións do goberno provincial diante do Ministerio de Facenda permiten novamente desbloquear unha débeda do ano 2010.
A Deputación de Ourense ven de recuperar 483.323 euros que se lle adebedaban desde o ano 2010 do Proxecto Arraiano, financiado con fondos Feder da Unión Europea. As xestión realizadas polo goberno provincial diante do Ministerio de Facenda, permitiron novamente desbloquear –como xa acontecera hai uns meses- as obrigas de pago que tiña asumidas o Estado coa Deputación de Ourense. Daquela fora case un millón de euros (990.965 €) a cantidade que o ente provincial lograba recuperar, o que sumado aos fondos actuais eleva os ingresos obtidos estes meses polas devolucións a máis de 1,4 millóns de euros.
As xestións que Manuel Baltar está a facer para reducir a débeda que outras administracións teñen coa institución provincial fixeron posible desbloquear estas importantes partidas que o Fondo Social Europeo adebedaba dende 2010 á Deputación de Ourense.
Desde que en febreiro do ano pasado Manuel Baltar tomara posesión como presidente do goberno provincial, unha das liñas da súa xestión enmárcase na xestión da débeda que outras administracións teñen coa Deputación, para tentar achegar vías de acordo que permitan atopar solucións que fagan posible o retorno deses fondos ás arcas da institución provincial.
Nos últimos meses, Baltar intensificou as devanditas xestións en diferentes ámbitos institucionais para coñecer a situación na que se atopaba o expediente deste programa europeo, así como as causas que motivaban esta notable demora nos aprazamentos do pago.
Os 483.323 euros que ven de recuperar a Deputación son cantidades que nos proxectos europeos deben ser asumidas, primeiramente, polas entidades locais beneficiarias dos proxectos, adiantando os fondos para, posteriormente, xustificalos por medio da correspondente certificación á Autoridade de Pago.
O presidente da Deputación marcouse como un dos obxectivos principais da súa xestión ao fronte do goberno provincial o redimensionamento do ente e potenciar os servizos e a cooperación cos concellos.
Precisamente a "fusión de servizos" anunciada no seu momento por Manuel Baltar no marco do Plan OURENSE 92 "é un instrumento que nos permite facer máis con menos. É un reto, pero tamén unha oportunidade. Desta maneira -afirma Baltar- imos ser máis eficientes a pesares de contar con menos recursos, e a para iso non hai outra estratexia que aforrar, planificar, priorizar e levar a cabo accións focalizadas exclusivamente nas principais necesidades dos concellos e dos cidadáns".
Neste sentido, a Deputación de Ourense está a ultimar o plan piloto de "Racionalización da estrutura administrativa" encargado polo Ministerio de Facenda para poder aplicar nas demais deputacións de España, logo dos bos resultados que este programa esta a dar aos concellos de Ourense no que atinxe aos aspectos económico e de eficacia na operatividade da xestión.
Por este motivo, o secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, puxo como exemplo de xestión á Deputación de Ourense e encargoulle a Manuel Baltar a elaboración dun plan que poderá ser "exportado" e aplicado nas demais deputacións españolas a partires de xaneiro de 2014, data na que entrará en vigor a nova Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local.