A Deputación de Ourense traballa na creación do Consorcio Provincial de Bombeiros para mellorar a xestión técnica e administrativa destes entes

Compartir

  • En 2013 a institución provincial cofinancia o funcionamento dos parques de bombeiros de Xinzo, Verín, O Barco, e no futuro o do Carballiño, con 848.000 euros.

A Deputación de Ourense está a impulsar a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial de Bombeiros. "Esta unidade de acción permitirá incrementar a eficacia na xestión integral, redimensionar custes e mellorar a coordinación de actuacións, o que todos temos que impulsar e apoiar porque estamos a falar de algo tan serio como a seguridade das persoas e do medio ambiente", afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

No presente exercicio de 2013, o ente provincial é parte fundamental no desenvolvemento destas unidades de bombeiros (en Xinzo, Verín, O Barco e no futuro o do Carballiño), pois cofinancia o seu funcionamento cun total de 848.000 euros, o que supón o 37,5 % do orzamento destes consorcios. Precisamente, a Deputación de Ourense traballa coa Xunta de Galicia para poñer en funcionamento este ano o novo modelo de xestión que supón o Consorcio Provincial de Incendios.

Grupos de emerxencias

Asemade, no último pleno celebrado pola corporación provincial o plenario aprobou destinar unha partida de 209.000 euros destinada a "protección e defensa civil", que se enmarca dentro do convenio entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia para grupos de emerxencias. Neste senso, o presidente provincial, Manuel Baltar, asinará mañá martes co vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o convenio de colaboración, subscrito entre a Xunta, a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Municipios e Provincias, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para a creación e implantación dos grupos de emerxencia supramunicipais.

Manuel Baltar afirma que a colaboración e apoio da Deputación de Ourense nun aspecto tan importante como son as emerxencias e a intervención nos incendios, "é un tema prioritario que temos que atender cos concellos da provincia de Ourense para seguir incrementando a seguridade a vixilancia e o control porque estamos a falar da protección das persoas e do medio ambiente, onde a palabra cooperación é fulcral, máxima na era da intermunicipalidade".

Neste senso, o presidente provincial visitou as instalacións do parque de bombeiros de A Rúa, acompañado polo alcalde da localidade, Avelino García Ferradal, para coñecer o funcionamento das instalacións, os medios cos que conta e os programas operativos que desenvolve para actuacións de emerxencias e intervención en sinistros".