A Deputación de Ourense traballa para recuperar a normalidade dos seus servizos informáticos afectados por un ciberataque

Compartir

Ourense, 12 de novembro de 2019.- A Área de Transparencia da Deputación de Ourense está a traballar para recuperar a normalidade dos servizos informáticos da institución provincial afectados por un ciberataque. A orixe desta incidencia tivo lugar a semana pasada, cando se detectou un ataque informático que afectou a diversos pagos das contas da Deputación. A rapidez na actuación e coordinación dos diferentes departamentos da Deputación, en colaboración coa Policía, permitiu frear o ciberataque e deter a unha persoa en Gran Canaria, sospeitosa de colaborar con esta acción delictiva, o que evitou que o ciberataque tivese maior alcance.

A Deputación de Ourense está a realizar unha análise forense dos sistemas informáticos da institución provincial para determinar a orixe do ciberataque, e isto motivou que, por precaución e como medida de seguridade, se pechase temporalmente a páxina web e o correo electrónico da Deputación. Nada máis detectar o ataque informático, a Deputación de Ourense denunciou os feitos á Policía e abriu incidencias coa Axencia Española de Protección de Datos e o Centro Criptolóxico Nacional, dependente do CNI.

Mentres se restablece a normalidade nos servizos informáticos da Deputación, estes se prestan priorizando as necesidades básicas como son os servizos relacionados con atención ao público e Rexistro, lamentando as molestias que este ataque externo e alleo á institución provincial teña podido causar nos usuarios.