A Deputación de Ourense ultima o plan da Rede Viaria Provincial do 2020

Compartir

  • Manuel Baltar e Pablo Pérez analizaron as actuacións que se acometerán para o mantemento das vías provinciais que superan os 1.850 quilómetros.

  • O goberno provincial adecuará no vindeiro ano os tramos da Vía da Prata do Camiño de Santiago para preparar este itinerario para o Xacobeo 2021.

Ourense, 15 de agosto de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, reuníronse no Pazo Provincial, para ultimar as actuacións que se levarán a cabo na Rede Viaria Provincial no ano 2020 que inclúen traballos de mellora e ensanche, acondicionamento de firme, pintura e sinalización, para o mantemento das vías provincias que superan os 1.850 quilómetros.

A novidade que o goberno provincial incluirá, no marco destas actuacións, consiste na adecuación dos tramos que discorren pola Vía da Prata do Camiño de Santiago, co obxectivo de preparar este itinerario para o ano Xacobeo 2021. Esta adecuación das vías levarase a cabo a través de sinalización ou mediante sendas peonís en aquelas estradas onde sexa posible.

Na xuntanza ambos destacaron tamén os traballos que se desenvolverán en zonas rurais cos que a Deputación de Ourense pretende fomentar a actividade económica destes lugares, así como o enlace con vías de alta capacidade. Outra das actuacións que terá continuidade no vindeiro ano son as obras na estrada Vilardevós – Vilarello da Cota cunha importante dotación orzamentaria, o que sumado aos 372.000 euros do ano 2019, máis os 150.000 euros do ano 2018, farán que o compromiso do goberno provincial coa veciñanza de Vilardevós sexa unha realidade.