A Deputación de Ourense volve colaborar co proxecto "AEVA EmpregaTE", da asociación de empresarios de Valdeorras
- Manuel Baltar confirmoulle hoxe o apoio da institución provincial á presidenta desta organización empresarial, Araceli Fernández, na reunión que celebraron no Pazo Provincial.
Ourense, 30 de xaneiro de 2020.- Apoiar a orientación, formación e inserción laboral na comarca de Valdeorras. Así o acordaron hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA), Araceli Fernández, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, confirmando o presidente da Deputación a cooperación, novamente, por parte da institución provincial co proxecto "AEVA EmpregaTE", unha iniciativa que desenvolve esta organización empresarial e que ten como obxectivo mellorar as posibilidades laborais das persoas desempregadas, favorecer a formación e procurar novos ámbitos laborais na comarca valdeorresa.
Baltar expresou que "todas as iniciativas que redunden na mellora da competitividade económica e social para Valdeorras sempre son benvidas", e salientou que esta é unha liña de acción estratéxica do goberno provincial, lembrando que neste ano 2020 a Deputación de Ourense contará cunha sede administrativa en Valdeorras, no municipio da Rúa. "O obxectivo destas novas oficinas e –segundo o presidente- "ter un punto de encontro e atención para a veciñanza, os concellos da comarca e os diferentes colectivos sociais, empresariais e culturais de Valdeorras", salientando que con esta nova sede "gañaremos en proximidade á cidadanía e en maior celeridade na tramitación de procedementos administrativos, tanto para os concellos da comarca como para as asociacións e colectivos que traballan nesta comarca".
En canto ao proxecto AEVA EmpregaTE, Baltar e Araceli Fernández analizaron as accións formativas que abrangue esta iniciativa, relativas a orientación laboral, informática, idiomas, hostalaría, construción e rama administrativa. E no que atinxe a inserción laboral, o proxecto contempla a intermediación laboral (cun número aproximado de 300 empresas que poden participar no proxecto), así como procesos de selección de persoal e prospección de ofertas de emprego. As actividades do proxecto contemplan a divulgación e promoción deste programa, e o orzamento destinado dedicarase a impartición de accións formativas, titorías, material didáctico e a xestión de espazos para formación, así como publicidade, redes sociais, asesoramento legal e seguros.