A Deputación difunde na Feira de Emprego do Campus os programas do goberno provincial vencellados ao emprendemento
Ourense, 22 de marzo de 2023.- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, visitou esta tarde a primeira edición da Feira de Emprego do Campus de Ourense, na que o goberno provincial colabora e conta cun stand propio co obxectivo de dar a coñecer os programas da institución provincial vencellados ao emprendemento.
César Fernández estivo acompañado, entre outros, polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana; o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a vicerreitora do Campus, Elena Rivo; ou a xerente do Inorde, Emma González.
Esta feira de emprego, organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do campus de Ourense, conta con arredor de 60 entidades -relacionadas coas diferentes titulacións ofertadas polas facultades e escolas universitarias- buscando captar talento e con máis de 200 estudantes inscritos buscando información e oportunidades para o seu futuro profesional.