A Deputación e AquaOurense impulsan a fase final do PERTE da auga coa creación do Centro Intelixente de Control no antigo edificio do Inorde

Compartir

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo unha xuntanza de traballo no Pazo Provincial coa nova xerente da empresa mixta, Teresa Albariño Pereira, para analizar os proxectos estratéxicos e plans de actuación na provincia

O futuro centro, que forma parte do plan de dixitalización do ciclo da auga co proxecto OU-Intelixente, suporá un investimento de máis de 1,1 millóns

Ourense, 24 de xullo de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial coa nova xerente de AquaOurense, Teresa Albariño Pereira, para repasar e analizar os proxectos e plans de actuación que a institución provincial desenvolve de xeito conxunto con esta empresa mixta, encargada da asistencia técnica e cooperación cos concellos ourensáns na xestión do abastecemento e saneamento.

No encontro analizaron o estado do proxecto OU-Intelixente -dentro do PERTE do ciclo da auga-, un dos proxectos máis estratéxicos da Deputación nesta materia, que encara a súa fase final coa creación do Centro Intelixente de Control. 

Unha sede clave para o ciclo hidráulico no antigo edificio do Inorde

Para albergar esta nova infraestrutura de xestión centralizada, que suporá un investimento de máis de 1,1 millóns, a Deputación de Ourense puxo a disposición da empresa mixta as instalacións do antigo edificio do Inorde, ademais de destinar 257.699 euros dos preto de 6 millóns aportados ao PERTE. Pola súa banda, AquaOurense asumirá o investimento na rehabilitación do inmoble, que ten un custo previsto de 862.963,95 euros.

Na actualidade, o proxecto de reforma atópase completando os trámites para a obtención da licenza municipal correspondente e unha vez autorizada, procederase á licitación e execución das obras de adaptación. Deste modo, a provincia de Ourense contará cun centro punteiro para o control e optimización en tempo real dos servizos do ciclo hidráulico en toda a provincia.

Ourense, un dos territorios máis avanzados na dixitalización do ciclo hidráulico

OU-Intelixente sitúa a Ourense como un dos territorios máis avanzados na dixitalización do ciclo da auga en España, favorecendo ademais unha transformación estrutural da xestión hídrica nun territorio marcado pola dispersión municipal e pola necesidade de modernizar infraestruturas.

Actualmente, o proxecto atópase case ao 98 % de execución logrando a adhesión de 81 concellos e dous Consorcios (Valdeorras e Os Peares), a instalación de preto de 65.000 contadores domiciliarios dixitais en 79 concellos da provincia, 219 contadores en alta; e a monitorización de 11 captacións, 9 ETAP, 11 depósitos, 33 reguladoras, 20 bombeos de residuais e 119 EDAR.