Deputación e asociación de construtores de Ourense renovan a súa alianza de cooperación

Compartir

  • Manuel Baltar recibiu hoxe no Pazo Provincial ao novo presidente da patronal construtora ourensá, Santiago Ferreiro, concordando en seguir innovando no sector con ferramentas como "Xeovivenda Ourense", que ofrece información sobre o estado do parque de vivenda e da demografía na provincia de Ourense.

  • Nesta liña, o presidente da Deputación avanzou que en 2019 "poñerase en marcha a plataforma "Xeoestradas Ourense", iniciativa igualmente pioneira no ámbito nacional.

Ourense, 30 de xullo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao novo presidente da asociación de construtores da provincia de Ourense, Santiago Ferreiro, acompañado polo ex presidente desta entidade, Eligio Nieto. No encontro, Baltar trasladoulle a Ferreiro os parabéns e desexoulle éxitos na súa nova etapa, "que seguirá caracterizándose entre Deputación e asociación de construtores por seguir mantendo esa alianza de colaboración que nos permitiu levar a cabo iniciativas como o proxecto "Xeovivenda Ourense", unha plataforma que ofrece información sobre o estado do parque de vivenda e da demografía na provincia de Ourense". Nesta liña, o presidente do goberno provincial avanzou que en 2019 "poñerase en marcha a app "Xeoestradas Ourense", unha iniciativa igualmente pioneira no ámbito nacional, e que achegará información sobre as estradas da provincia de Ourense".

Manuel Baltar subliñou a importancia de manter iniciativas de cooperación por parte da deputación coa asociación de construtores de Ourense, "na única provincia de Galicia onde figuran xuntos construtores e promotores. É unha aposta contundente pola innovación e a vangarda", dixo Baltar, poñendo como exemplo que este ano "presentamos o portal "Xeovivenda", único a nivel nacional que achega todos os datos existentes sobre cada edificación da provincia, unha "provincia intelixente".

"Trátase dunha plataforma que seguiremos actualizando e que permite realizar análises a nivel provincia, municipio e mesmo a nivel de edificio, o que a converte nunha ferramenta moi axeitada para as administracións públicas á hora de decidir determinadas políticas en materia de vivenda, e tamén para os cidadáns, en ámbitos como o da eficiencia enerxética", expresou o presidente provincial.