Deputación e Cámara estudan coa Fundación Incyde poñer en marcha proxectos de emprendemento agrario
Manuel Baltar reuniuse con Celso Barbosa e co director de Incyde para analizar liñas de colaboración en materia de cooperativismo agrario.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse co presidente e a secretaria da Cámara de Comercio, Celso Barbosa e Victoria Rois, respectivamente, e co director da Fundación Incyde, Javier Collado, para analizar liñas de colaboración en materia de empredemento agrario que favorezan a creación de emprego no ámbito rural na provincia de Ourense.
Na xuntanza, que tivo lugar no Pazo Provincial, Deputación, Cámara e Incyde analizaron os resultados do Observatorio Económico Provincial e acordaron presentar unha serie de proxectos conxuntos para favorecer a creación de emprego baseado nas potencialidades e necesidades da provincia de Ourense, sinaladamente, no referido o cooperativismo agrario, agroalimentario e termal. Neste sentido, Manuel Baltar está a manter contactos con diferentes concellos da provincia de Ourense interesados en acoller nos seus municipios proxectos que impulsen a fixación de poboación no rural mediante a posta en marcha de iniciativas de cooperativismo referidas ao sector hortofrutícula.
Os proxectos que a Deputación –a través do Inorde- e a Cámara presenten conxuntamente serán avalados pola Fundación Incyde, e suporá por parte da Deputación de Ourense unha achega do 20% de cada proxecto, mentres que o 80% restante será aportado pola Cámara de Comercio e Incyde.
As liñas de colaboración poderán complementarse co Banco de Terras que a Deputación porá a disposición daqueles emprendedores que, en concorrencia pública e competitiva, teñan proxectos empresariais para desenvolver no ámbito rural e non dispoñan de terras para facelo. En concreto, A Deputación dispón dunhas 55 hectáreas de terreo na comarca da Limia que poderían destinarse ao banco de terras e aos proxectos de empredemento referidos.
Outro dos ámbitos de colaboración entre a Deputación e a Cámara refírese á elaboración do Observatorio Económico Ourensán, no que participará a Cámara, e, por outra banda, proximamente ambas institución asinarán un convenio de colaboración por importe de 25.000 euros, tendo como base a realización de accións encamiñadas ao mantemento e á xeración de emprego.