Deputación e CEO impulsan un programa de apoio dixital para as empresas ourensás interesadas en exportar
- A plataforma ExportOU e o Programa de Dixitalización para a Internacionalización promoven estratexias de planificación, optimización, estudo e posicionamento, "un labor que impulsamos no marco de colaboración entre Deputación e CEO para apoiar as nosas empresas", afirma Manuel Baltar.
- A plataforma permitirá dispoñer en Internet dun catálogo de empresas, produtos e servizos das firmas ourensás na rede, as cales poderán recibir asesoramento dentro do programa de desenvolvemento dixital.
Ourense, 20 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal, acompañados polo director de Contact Comunicación, César González, presentaron hoxe un programa de apoio dixital para as empresas ourensás interesadas en exportar, enmarcado no Plan ExportOU de apoio á internacionalización, que se realiza por medio da cooperación entre a Deputación de Ourense e a CEO.
A "Plataforma dixital ExportOU" e o "Programa de Dixitalización para a Internacionalización", como se denominan estas accións, teñen como obxectivo "contribuír a xerar emprego e competitividade internacional, un labor que xa desenvolven moitas empresas na nosa provincia e que servirá de guía para moitas outras nesa estratexia de posicionamento global de produtos e servizos da provincia de Ourense", afirmou Manuel Baltar no acto de presentación, que tivo lugar na sede da CEO.
A nova plataforma permitirá dispoñer en Internet dun catálogo de empresas ourensás na rede, as cales poderán recibir asesoramento no marco do programa de desenvolvemento dixital. "Trátase dunha iniciativa froito da alianza de colaboración que vimos mantendo a institución provincial e a CEO, á cal agradezo o seu esforzo e labor", destacou Baltar, sinalando que temos exemplos na provincia de Ourense de empresas destacadas polo seu éxito no ámbito da internacionalización, un camiño que moitas outras poderán seguir con estas ferramentas de apoio á exportación que hoxe presentamos, que serán un instrumento de planificación, optimización, estudo e posicionamento nese labor de participación no mercado internacional para as nosas empresas e emprendedores".
Pérez Canal definiu a plataforma dixital ExportOU como "unha ventá ao mundo desde Ourense", e César González explicou que o portal achegará información de empresas, produtos e servizos, ademais de fontes de financiamento, programas formativos, noticias e eventos relacionados coa internacionalización. Xunto á plataforma, presentouse o Programa de Dixitalización para a Internacionalización de Empresas de Ourense, que permitirá acompañar ás empresa no seu camiño exportador desde o primeiro momento e tamén fortalecer a aquelas que xa o están facendo, por medio de estudos personalizados de desenvolvemento dixital -para coñecer o estado de cada empresa na rede-; realización de plans de traballo e imaxe corporativa e posicionamento en redes sociais, así como análise de resultados de internacionalización.
O programa ExportOU é unha iniciativa froito do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a CEO coa finalidade de difundir internacionalmente a "marca Ourense" e favorecer aperturas de novos mercados para as empresas da provincia.