Deputación e CEO porán en marcha un "Servizo de Intelixencia Competitiva" para as empresas ourensás, no Plan ExportOU 2018

Compartir

 

  • Manuel Baltar e José Manuel Pérez Canal analizaron os obxectivos que esta iniciativa de internacionalización empresarial levará a cabo no presente ano na provincia de Ourense.

  • Feiras virtuais inversas, axudas á primeira exportación e estratexias de mellora para a presenza das empresas en Internet, forman parte tamén das accións que se desenvolverán no marco de "ExportOU" 2018.

Ourense, 20 de febreiro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, para analizar os obxectivos e iniciativas do Plan "ExportOU" 2018, de apoio á internacionalización de empresas ourensás. A aposta por seguir desenvolvendo esta importante acción de promover a apertura de mercados internacionais por medio desta alianza de colaboración entre a Deputación de Ourense e a CEO reflíctese no orzamento que a institución provincial destina este ano á Confederación Empresarial de Ourense: 100.000 euros, presuposto no se inclúe o Plan ExportOU, que en 2018 porá en marcha un Servizo de Intelixencia Competitiva (SIC) que permitirá analizar información sobre os sectores de actividade, industrias e competidores para achegar valor estratéxico as empresas de Ourense, adiantándolles posibles escenarios futuro que lles permitan anticiparse e tomar decisións tácticas no presente.

Na reunión, na que participaron tamén o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, e a responsable do Departamento de Exterior da entidade empresarial, María Fernández, se analizaron outras iniciativas que se desenvolverán no marco do Plan ExportOU 2018, como son: a organización de feiras virtuais inversas; as axudas á primeira exportación para empresas ourensás, e o desenvolvemento dunha estratexia de dixitalización de empresas para potenciar a súa presenza na rede e seguir mellorando na visibilidade de servizos e produtos a través de Internet.

Manuel Baltar afirma que esta "alianza estratéxica" coa CEO "contribúe a incrementar a competitividade e a abrir mercados de exportación das empresas da provincia de Ourense", unha labor de colaboración que a Deputación desenvolve conxuntamente cunha entidade como a CEO, "que ten un compromiso co dinamismo económico, social e cultural da provincia de Ourense e que como goberno provincial apoiamos".

A Deputación tense caracterizado nestes anos por desenvolver un importante traballo de prospección e análise socio-económico, con ferramentas e plataformas como o Observatorio Económico Ourense, que achega información detallada por concellos e comarcas e que axuda ao coñecemento do noso entorno e favorece a planificación dos obxectivos das políticas públicas que impulsamos", destaca Manuel Baltar.