A Deputación e o Colexio de Economistas cooperarán en iniciativas de ámbito social, tecnoeconómico e de formación

Compartir

 

  • Manuel Baltar e Mª del Carmen Sampayo asinaron hoxe, no Pazo Provincial, un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades polo que a Deputación destinará unha achega de 6.000 euros anuais ao Colexio.

Ourense, 17 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e a decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense, Mª del Carmen Sampayo David, asinaron hoxe, no Pazo Provincial, un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para o desenvolvemento de diversas iniciativas sociais, tecnoeconómicas e de formación.

Manuel Baltar dixo que hoxe era "un día histórico" porque é "a primeira vez que a Deputación de Ourense e o Colexio de Economistas asinan un convenio de colaboración", acordo que é posible grazas á boa xestión económica que se fixo na institución provincial logrando "a débeda cero" da mesma. O bo estado financeiro da Deputación "permítenos continuar a colaborar cos municipios da provincia e cos colectivos de profesionais como o é o dos Economistas que van para 15 anos servindo e atendendo como Colexio a todo o territorio provincial", engadiu o presidente do goberno provincial.

Pola súa parte, a decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense afirmou que a sinatura deste convenio constitúe "un recoñecemento para os 380 economistas da provincia que tódolos días aportamos valor a Ourense" e explicou que as actividades recollidas neste acordo van a permitir "que cheguemos a toda a provincia e aportar máis valor á sociedade ao actuar de forma conxunta".

No marco deste convenio, a Deputación e o Colexio acordaron, no ámbito da formación, que poderán propoñer xornadas ou accións de interese para os membros de ambas corporacións, que a Deputación informará ao Colexio das accións formativas de temática económica, demandadas polas entidades e organizacións da provincia, e que o persoal da Deputación poderá participar como asistente naquelas accións formativas que organice o Colexio nas mesmas condicións que un colexiado.

Por outra banda, a Deputación comprométese a ceder o salón de plenos do Pazo Provincial e a poñer a disposición os medios tecnolóxicos para a emisión da celebración da fase final a nivel provincial do torneo de debate económico, organizado polo Colexio dentro das actividades do Plan de Educación Financieira 2018-2021.

Así mesmo, ambas entidades comprometéronse a colaborar na elaboración de documentos de temática económica relacionados coa provincia de Ourense, incorporando ao Colexio ao Observatorio Económico Ourensán e aos foros de divulgación e investigación económica organizados por dita entidade, entre eles o Observatorio Internacional do Medio Rural.

Por último, no ámbito social acordaron que a Deputación de Ourense apoiará o concurso de Tarxetas de Nadal que convoca cada ano o Colexio, mentres que, pola súa parte, o Colexio dará prioridade á Deputación para poder participar como entidade colaboradora naquelas xornadas de divulgación, conferencias ou calquera actividade de índole económica relacionada co desenvolvemento económico da provincia.

A Deputación de Ourense destinará unha achega de 6.000 euros anuais ao Colexio durante a validez do convenio que será de tres anos.