A Deputación expón as liñas básicas do proxecto EmprendOU na comarca da Baixa Limia

Compartir

Ourense, 31 de outubro de 2019.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, expuxo hoxe, na Casa da Cultura de Muíños, as liñas básicas do proxecto EmprendOU, que está a desenvolver a Deputación de Ourense para afrontar o reto demográfico. O obxectivo desta visita é "continuar a explicar aos alcaldes e aos axentes locais de emprego, nesta ocasión aos pertencentes á comarca da Baixa Limia, a importancia desta iniciativa a través da cal se conceden axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación", explicou Luz Doporto.

O proxecto EmprendOU pretende apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.