A Deputación financiará un estudo innovador da Federación de Comercio de Ourense, que analizará produtos, servizos e perfís socio-demográficos
Manuel Baltar confirmoulle á presidenta da Federación Provincial de Comercio, Beatriz Gómez, o apoio da Deputación a este proxecto, que marcará as posibilidades de mellora do comercio ourensán, buscando a excelencia do servizo cara aos consumidores.
Ourense, 21 de xuño de 2017.- A Deputación de Ourense financiará un estudo da Federación Provincial de Comercio que analizará produtos, servizos e perfís socio-demográficos co obxectivo de mellorar o comercio ourensán e achegar a "foto fixa" do consumidor por comarcas e concellos. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmoulle á presidenta dos comerciantes ourensáns, Beatriz Gómez, na reunión que mantiveron hoxe no Pazo Provincial, o apoio económico da institución provincial a este e outros proxectos que a federación levará a cabo en 2018.
A iniciativa máis innovadora, tanto no ámbito autonómico como nacional, é este estudo sobre o comercio local na provincia de Ourense, un informe participativo que terá en conta a opinión dos consumidores e analizará por comarcas e concellos perfís comerciais, produtos, servizos, así como a segmentación socio-demográfica "para ter unha foto fixa do comportamento do consumidor e da actividade comercial, e apuntar o camiño a seguir na mellora do comercio local", expresou o presidente da Deputación.
Manuel Baltar afirmou trala reunión que apoiar ao comercio local "é estar ao carón dun sector que desde sempre se ten significado como unha parte fundamental da nosa economía e unha parte histórica e tradicional da nosa provincia". "Este estudo –remarcou Baltar- supón unha folla de ruta para as posibilidades de mellora do comercio ourensán, buscando sempre que o consumidor conte co mellor servizo no comercio local".