A Deputación mobiliza máis de 740.000 euros en axudas para melloras en infraestruturas e cooperación con entidades culturais e económicas da provincia
A Xunta de Goberno da institución provincial colabora con 100.000 euros para a mellora das instalacións de Expourense
Tamén aprobou unha achega de 129.000 euros para mellorar o camiño de acceso ao cemiterio de San Cristovo de Cea, así como outra de 81.000 euros para a reforma e mellora enerxética nas vivendas sociais de Cualedro
A Deputación colabora con 27.000 euros para gastos de funcionamento da Mancomunidade de Verín, así como coa Asociación Amigos da Saínza (16.000 euros), e coa Asociación Cultural Audiovisual Vía XIV (5.000 euros)
Inclúese no Plan Provincial de Obras a instalación de contención de vehículos na OU-0355 en Melón, por un importe de 145.526,92 euros
Aprobáronse obras como a renovación de pavimento en Moreira (Toén), por 48.000 euros; mellora da eficiencia enerxética en Vilar de Santos (52.198,80 euros); ou pavimentación de camiños en Boborás (47.855,50 euros)
O Concello de Oímbra percibirá 30.000 euros para o cofinanciamento de proxectos da Xunta; o de Boborás 9.500 euros para aportación municipal ao Plan Marco, e o de Baltar recibirá 50.000 euros para o Plan Cultural de 2023
Ourense, 10 de outubro de 2023.- A sesión ordinaria da Xunta de Goberno da Deputación, que se celebrou esta mañá na sala de xuntas do Pazo Provincial, vén de aprobar a mobilización de 741.081,22 euros en axudas para obras e servizos en diferentes municipios da provincia e organismos culturais e económicos.
Así, aprobouse unha axuda de 100.000 euros pola que a Deputación colaborará con Expourense para a mellora das súas instalacións. Tamén se aprobaron 129.000 euros para mellorar o camiño de acceso ao cemiterio de San Cristovo de Cea, así como outra de 81.000 euros para a reforma e mellora enerxética nas vivendas sociais do municipio de Cualedro. No que respecta ao Plan de Obras, eliminouse unha obra de acondicionamento dunha estrada en Xunqueira de Ambía e substituiuse por unha obra de contención de vehículos na OU-0355 en Melón, por un importe de 145.526,92 euros. Outras obras aprobadas foron a renovación de pavimento en Moreira (Toén), por importe de 48.000 euros; a mellora da eficiencia enerxética en Vilar de Santos (52.198,80 euros); e a pavimentación de camiños públicos en Almuzara, Batallás, Sobredo e San Andrés, no municipio de Boborás, por un importe de 47.855,50 euros.
Para os gastos de funcionamento da Mancomunidade de Verín, a Deputación aprobou unha achega de 27.000 euros. Tamén se lle concederon 16.000 euros á Asociación Amigos da Saínza, así como 5.000 euros para a Asociación Cultural Audiovisual Vía XIV.
O Concello de Oímbra tamén percibirá unha achega de 30.000 euros para o cofinanciamento de proxectos coa Xunta. Do mesmo xeito, o Concello de Boborás recibirá 9.500 euros para aportación municipal ao Plan Marco. E o Concello de Baltar recibirá unha axuda de 50.000 euros para o Plan Cultural de 2023.
A mesma sesión tamén aprobou a distribución dos espazos deportivos do Pazo dos Deportes Paco Paz, ao abeiro do disposto no Regulamento de organización, utilización e normas para usuarios deste espazo da Deputación.