A Deputación pon en valor o legado científico e humano do doutor Míguez na exposición que percorre a súa vida dedicada ao termalismo

Compartir

Rosendo Fernández participou na inauguración da mostra, organizada no marco do II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que reúne libros, publicacións e  obxectos vinculados á actividade científica e investigadora do homenaxeado

Ourense, 23 de setembro de 2026.

O deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe na inauguración da exposición dedicada ao doutor Luis Rodríguez Míguez, organizada no marco do II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia que se celebra no Campus de Ourense.

A mostra reúne libros, publicacións, documentos e diversos obxectos relacionados coa actividade científica e investigadora do doutor Míguez, permitindo percorrer a traxectoria e o legado dunha figura clave para o desenvolvemento do termalismo contemporáneo en Galicia e, dun xeito moi especial, na provincia de Ourense.

Durante o acto, Rosendo Fernández salientou que a exposición permite comprobar “ata que punto moitas das ideas que hoxe consideramos modernas no ámbito termal xa estaban presentes no pensamento do doutor Rodríguez Míguez hai décadas”.

O deputado provincial lembrou a súa defensa dun termalismo asentado sobre o coñecemento, o método e o rigor científico, así como a súa visión integradora, relacionando as augas mineromedicinais coa saúde, o territorio, a cultura e o desenvolvemento. Unha concepción que forma parte esencial do seu legado.

Fernández puxo tamén en valor a súa importante dimensión docente e o significado especial de renderlle homenaxe precisamente no ámbito universitario. “Unha parte fundamental do legado dun profesor non está unicamente nos libros que escribe ou nas investigacións que publica, senón nas persoas ás que forma, nas vocacións que esperta e nos camiños que outros continúan despois del”, afirmou.

Neste sentido, destacou a contribución do doutor Míguez á formación de varias xeracións de profesionais, desde os Cursos Básicos de Hidroloxía Médica desenvolvidos no Carballiño ata a súa posterior actividade como profesor no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Rosendo Fernández subliñou ademais o simbolismo de que esta exposición se inaugure no marco dun Congreso Internacional dedicado á balneoterapia, reunindo en Ourense a investigadores, especialistas e profesionais para compartir coñecemento e reflexionar sobre o futuro do sector.

“Poucas homenaxes poden ser máis fieis ao seu legado que comprobar que aquilo polo que traballou segue avanzando”, sinalou o deputado de Representación Institucional, quen concluíu destacando que “os seus libros e os seus obxectos quedan nesta exposición como testemuño dunha vida dedicada á medicina, á ciencia e ao termalismo, pero as súas ideas seguen vivas no termalismo que estamos construíndo en Ourense”.