A Deputación presenta "Lecer no rural", un programa de obradoiros e xogos tradicionais para os concellos da provincia de Ourense
A iniciativa, que chega este ano a súa terceira edición, ten como obxectivo achegar actividades lúdicas aos nenos que residen nos municipios de menos de 1.500 habitantes.
Achegar aos nenos que residen nos concellos de menos de 1.500 habitantes actividades lúdicas e culturais durante o verán é o obxectivo do programa "Lecer no rural", que a Deputación de Ourense pon en marcha na súa terceira edición. Un programa gratuíto para todos os concellos que o solicitan e que inclúe obradoiros e xogos tradicionais para que os nenos dos pequenos concellos poidan realizar actividades lúdicas durante o período estival.
O proxecto foi presentado hoxe polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e pola directora do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Mariló Fernández Senra. Este programa ven avalado polo éxito acadado coa actividade "Obradoiro de xogos tradicionais", realizada ininterrompidamente dende hai sete anos nos centros educativos públicos de toda a provincia, xunto co programa "Xogos no Nadal", ou os campamentos da Deputación en Vilamarín.
"Sabedores das dificultades coas que se atopan pequenos concellos do rural á hora de realizar actividades lúdicas dirixidas ós nenos e ás nenas durante o período estival, consideramos interesante ofertar por terceiro ano consecutivo actividades de lecer dirixidas ós máis pequenos dos concellos con menos de 1500 habitantes", dixo Manuel Baltar no acto de presentación.
Nas dúas edicións anteriores "Lecer no rural" chegou a 32 dos 38 concellos con menos de 1.500 habitantes, do cal se beneficiaron ao redor de 700 nenos por verán. Para esta terceira edición a actividade foi solicitada polos seguintes concellos: A Bola, A Mezquita, A Teixeira, A Veiga, Arnoia, Beariz, Castrelo do Val, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Cortegada, Entrimo, Esgos, Gomesende, Manzaneda, Melón, Montederramo, Petín, Piñor, Punxín, Pontedeva, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Xunqueira de Espadañedo e Parada de Sil.
Ademais deste programa, dirixido a pequenos concellos, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo colabora na organización de actividades con todos os concellos e asociacións da provincia que así o soliciten.
Os obxectivos do programa "lecer no rural" son facilitar alternativas lúdicas e saudables para o tempo de lecer aos nenos e nenas do rural ourensán e fomentar espazos de convivencia e socialización entre os nenos e nenas da mesma zona rural. Con elo preténdese axudar aos concellos rurais con poucos medios e sen oferta de actividades infantís propias.
As idades dos nenos participantes están entre os 5 e os 15 anos, e as datas de realización son os meses de xullo e agosto. O lugar de realización son as instalacións propias de cada concello, como poder ser a piscina municipal, as áreas recreativas, os centros escolares ou as prazas do concello, e as actividades son principalmente obradoiros de manualidades, actividades deportivas, xogos tradicionais e actividades de coñecemento do medio.
Programa para unha xornada
O programa para unha xornada inclúe, por exemplo, unha explicación previa por parte dos monitores e posteriormente a realización de manualidades acaídas ás distintas idades, como técnicas básicas de tecido, complementos con serpentinas e abalorios, iniciación ás técnicas de traballo en coiro con papel, elaboración de enredos e xoguetes e elaboración de doces. Outras actividades complementarias comprenden xogos individuais de lóxica, xogos de mesa, artes plásticas ou materiais de xogos como papaventos e balóns.
Tralo xantar realízase un pequeno roteiro polo concello e desenvólvense os xogos finais na piscina, xunto con outros xogos predeportivos. Ao remate da actividade solicítaselle ao concello que realice unha avaliación do programa, coa finalidade de seguir mellorando a programación en posteriores edicións, contando desta maneira coa opinión de tódolos destinatarios.