A Deputación presenta o informe do Observatorio Económico Ourensán da comarca do Carballiño

Compartir

  • Segundo o estudo, O Carballiño é a quinta comarca da provincia con mellor comportamento no censo de centros de traballo.

  • O Carballiño xera o 11% dos postos de traballo provinciais vinculados aos sectores de alta e media-alta tecnoloxía.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), acompañados polo alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, presentaron hoxe (18.00 horas) na Casa do Concello do Carballiño as conclusións do Observatorio Económico Ourensán da comarca do Carballiño, unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social –enmarcada no Plan OURENSE 92- que puxo en marcha a Deputación de Ourense para coñecer a situación da provincia de Ourense e das súas comarcas.

As conclusións máis destacadas do informe no que atinxe a Carballiño reflicten que esta comarca presenta unha alta supervivencia empresarial pese ao peche de industrias representativas, e a pesares da crise económica, as estatísticas amosan que o tecido empresarial ten resistido a un nivel que non se afasta moito da media provincial, e que mesmo supera neste parámetro a outras zonas con forte contribución ao Valor Engadido Bruto de Ourense, como son Valdeorras, A Limia ou O Ribeiro.

Segundo o estudo, O Carballiño é a quinta comarca da provincia con mellor comportamento do censo de centros de traballo, o que da conta dun bo nivel de resistencia desde o punto de vista da supervivencia empresarial.

Onde a crise si amosa efectos máis evidentes é no mercado laboral, sobre todo nos municipios rurais da comarca carballiñesa, que acumula o maior crecemento porcentual do paro rexistrado desde 2008, cunha taxa de variación do 58%. Sen embargo, O Carballiño está entre as cinco comarcas ourensás con maior supervivencia de centros de traballo.

Sector tecnolóxico

En canto á tecnoloxía, un total de 383 traballadores exercían a finais do ano pasado nos sectores de alta e de media-alta tecnoloxía na comarca do Carballiño. É a segunda cifra máis importante, só por detrás dos 2.250 afiliados que contabilizaba a comarca de Ourense dentro destes epígrafes de actividade.

É dicir, O Carballiño xera o 11% dos postos de traballo provinciais vinculados aos sectores de alta e media-alta tecnoloxía. A seguinte unidade comarcal en peso relativo é Valdeorras -pero lonxe do Carballiño-, cun peso relativo sobre o total da provincia que se limita ao 4,8%. Ademais, O Carballiño é xunto con Viana a única comarca ourensá na que medrou no último ano o número de afiliacións nos sectores tecnolóxicos.

Por outra banda, é o territorio máis especializado de Ourense nos referidos sectores de alta e de media-alta tecnoloxía, que abranguen dende a industria química e os produtos farmacéuticos ata a informática, as telecomunicacións, a automoción e a I+D.

Sen embargo, o Observatorio Económico Ourensán detecta como dato negativo que, no último ano, esta comarca sufriu un importante incremento do paro rexistrado nos sectores tecnolóxicos. A taxa de variación entre 2011 e 2012 acadou o 27% e a do período 2009-2012 disparouse ata o 63%, vinte puntos porcentuais por enriba da media provincia e a dobre velocidade de crecemento con respecto da media galega.

O estudo sinala que a comarca do Carballiño figura por detrás das tres comarcas da provincia nas que subiu o número de centros de traballo durante a crise -Terra de Trives (5,8%), Verín (1,9%) e Ourense (1,1%)- e xusto a continuación de Allariz-Maceda (-0,8%).

O municipio do Carballiño ocupa o quinto posto entre as cabeceiras comarcais que lograron aumentar o número de centros de traballo en plena crise. Pasou de 1.342 no ano 2007 a 1.378 no ano 2011, o que representa un incremento do 2,7%. As únicas cabeceiras que melloraron o rexistro do Carballiño foron Allariz (12,7%), Pobra de Trives (6,4%), Verín (5,6%) e Xinzo de Limia (5,3%).

Sen embargo, un dos datos máis preocupantes da análise do Observatorio Económico Ourensán é o deterioro de actividade que se rexistra nos oito municipios rurais da comarca do Carballiño. De feito, entre os anos 2007 e 2011 non houbo aumento de centros de traballo en ningún deles. En Punxín non hai taxa de variación nin positiva nin negativa, xa que repite número de unidades locais, se ben é certo que se trata do concello con menor achega comarcal, cifrada en tan só 34 centros de traballo.

Noutros dous municipios a taxa de variación do cuatrienio reflicte descensos case inapreciables. Trátase de San Cristovo de Cea, cunha perda do 0,6%, e de Piñor, cunha diminución do 1,1%. No resto da comarca, só Maside consegue evitar unha baixada inferior ao 10%. En concreto, perdeu o 6,1% dos seus centros de traballo, mentres as estatísticas de San Amaro (-23,1%), Boborás (-21,9%), Beariz (-17,6%) e O Irixo (-13,6%) fan que O Carballiño sexa a segunda comarca da provincia con maior aportación ao ranking provincial dos vinte municipios que perderon -en proporción- máis centros de traballo durante a crise. Só a comarca da Limia presenta unha contribución máis alta, con sete concellos.

Mercado laboral

O mercado laboral da comarca do Carballiño é o máis castigado pola crise no conxunto da provincia. No período 2008-2012, presenta a peor taxa de variación do paro rexistrado, cun incremento do 57,6%, ao pasar de 1.628 a 2.565 parados. Só outras dúas comarcas ourensás sufriron, xunto con Carballiño, un crecemento superior ao 50%. Trátase de Allariz-Maceda, co 53,4% de aumento; e de Ourense, co 53%.

Si se estreita o período análise ao último ano, é decir, si facemos a comparativa 2011-2012, entón O Carballiño remonta dúas posicións entre as doce comarcas ourensás, xa que presenta mellores rexistros que Caldelas e Trives. Neste caso, a taxa de variación interanual do Carballiño acadou o 13,8%, moi en liña coa de Valdeorras (13,7%) e coa de Terra de Celanova (13,7%), e inferior ao 21% que acumularon tanto Trives como Caldelas.

A pesares da mala evolución dos últimos anos, os datos de paro rexistrado aínda non son desproporcionados na comparativa paro/poboación. Así, no Carballiño residen o 8,8% dos parados da provincia e o 0,96% dos de Galicia, cando en poboación representa -con 28.891 habitantes en xaneiro de 2012- o 8,75% do total provincial e o 1,04% do total galego.

Aínda que segue a marcar máximos provinciais, con niveis moi altos, o Carballiño logrou minorar o ritmo de crecemento do paro no último ano, en comparación cos anteriores exercicios en crise. Na cabeceira de comarca o paro rexistrado medrou un 15,1% ao longo do 2012 e un 72% entre 2008 e 2012.

No tocante ás afiliacións á Seguridade Social O Carballiño presenta valores intermedios en comparación co resto das comarcas da provincia. No período 2008-2012 perdeu 609 afiliados, que representan o 7,3% do total. Deste xeito non estivo lonxe da media provincial, que rozou o 7%, nin do valor medio do conxunto de Galicia, situado no 8,2%. Con ese rexistro do 7,3% de diminución, O Carballiño figura como a sexta comarca ourensá con menor descenso no número de afiliacións desde o inicio da crise.

Na comparativa comarcal do último ano a súa posición empeora, ao ser a cuarta comarca con máis perda de afiliados, en concreto o 4,4% interanual, só con mellor rexistro que Terra de Celanova (-5,8%), O Ribeiro (-5,4%) e Valdeorras (-4,9%).