A Deputación presenta o informe do Observatorio Económico Ourensán referido á comarca de Verín

Compartir

  • O estudo reflicte que Verín destaca entre as comarcas con menos efectos laborais e empresariais da crise económica.

  • O acto, no que participaron o presidente da Deputación, o alcalde de Verín e o xerente do Inorde, contou coa presenza dos alcaldes de Monterrei, Vilardevós, Oímbra, Cualedro e Laza.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), acompañados polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, presentaron hoxe en Verín o informe do Observatorio Económico Ourensán referido á comarca de Verín, unha ferramenta de análise económica, laboral, empresarial e social que puxo en marcha a Deputación de Ourense para coñecer a situación da provincia de Ourense e das súas comarcas. O acto contou coa presenza dos alcaldes de Monterrei, Vilardevós, Oímbra, Cualedro e Laza, e da parlamentaria Carmen Pardo.

O Observatorio –que forma parte do Plan de estratexia operativa OURENSE 92 da institución provincial- nace da implicación entre institucións (Deputación e Inorde), universidade e empresa, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

As conclusións máis destacadas do informe no que atinxe á comarca de Verín refírense "ás oportunidades de futuro" que esta comarca ten nestes momentos de crise, que pasan pola loxística e por aproveitar a súa situación xeo-estratéxica, pois a súa ubicación permite ter a menos de dúas a unha poboación potencial de 11 millóns de persoas, a cal se incrementará ata 20 millóns coa chegada do AVE. Tamén subliñan os expertos como índices favorables a Eurocidade, o turismo, e os sectores vitivinícola, agroforestal e agroindustrial.

Manuel Baltar destacou no acto que o Observatorio Económico é un instrumento que a Deputación de Ourense pon a disposición dos concellos e comarcas da provincia "dentro da política de cooperación e asistencia aos municipios ourensáns, para potenciar as súas peculiaridades e fortalezas co obxectivo de seguir crecendo economicamente e en competitividade". "A diagnose económica que hoxe estamos a presentar da comarca de Verín –afirmou Baltar- permite sinaladamente aos 28.000 habitantes desta contorna coñecer datos de relevancia no que atinxe á evolución das unidades locais (centros de traballo), índices de desemprego, evolución das empresas e datos tecnolóxicos e de afiliacións á Seguridade Social, que reflicten que Verín destaca entre as comarcas con menos efectos laborais e empresariais da crise económica".

O informe destaca que no último ano a comarca de Verín foi unha das zonas da provincia de Ourense "con máis signos de recuperación económica, ao incrementar o seu censo empresarial e controlar os niveis de desemprego". Tamén sinala o informe do observatorio que a pesares da forte dependencia do comercio e da baixa densidade industrial, a comarca "minora a crise grazas á fortaleza do sector servizos, e grazas tamén ao empredemento e a súa posición transfronteiriza central".

O Observatorio subliña que a comarca de Verín "ten un 2% máis de empresas que antes da crise" e "un bo comportamento no ámbito provincial en índices de afiliacións á Seguridade Social", sendo a "terceira comarca de Ourense con menor incremento do paro" e cunha "maior especialización provincial en servizos de alta tecnoloxía ou de tecnoloxía punta".

A creación do Observatorio Económico Ourensán por parte da Deputación de Ourense ten como obxectivo definir estratexias "para reimpulsar a economía provincial", en opinión de Manuel Baltar. "O estudo concello a concello, e comarca a comarca, encaixa de cheo –subliña- coa política baseada nas persoas e coa política baseada nas realidades sobre a que está a pivotar o "Plan Ourense 92". O presidente provincial destacou que o coñecemento "constitúe o mellor xeito de achegar solucións para os problemas individuais dos cidadáns e para as dificultades colectivas da sociedade", e engade que, ademais do compromiso real coa cidadanía, "o Observatorio incardina coa "Política dos tres "E" sobre os que se ten que sustentar o actual ciclo: "E" da economía, "E" do emprego e o "E" das empresas".