A Deputación promove en INTUR o turismo familiar, os Entroidos e a Vía da Prata como grandes atractivos de Ourense

Compartir

O Inorde participa cun stand da provincia na feira de Valladolid, onde presenta como novidade un catálogo con máis de 60 experiencias para gozar en familia

A presenza ourensá inclúe a participación de asociacións e pequenas empresas turísticas nos encontros profesionais de INTUR Negocios

Valladolid, 14 de novembro de 2026.- 

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa unha edición máis na Feira Internacional do Turismo de Interior, INTUR, en Valladolid, cun stand da provincia que achega ao público os seus principais produtos turísticos. O turismo familiar, os Entroidos de Interese Turístico e o Camiño de Santiago, con especial atención á Vía da Prata e á súa vinculación co termalismo, centran a proposta ourensá nesta cita de referencia para o sector en España.

INTUR celebra a súa 29ª edición cun formato que combina a actividade profesional e a promoción directa aos visitantes. Tras a xornada de INTUR Negocios, celebrada o xoves 12 de novembro, o certame abre ao público do 13 ao 15 de novembro con INTUR Viajeros, un espazo no que destinos e empresas presentan as súas propostas de turismo de interior, arredor da cultura, a natureza e a enogastronomía.

A participación da Deputación dá continuidade ás liñas de promoción presentadas este ano en Fitur e reforza a difusión dos produtos estratéxicos da provincia, cunha oferta que permite descubrir Ourense a través do seu patrimonio, das súas tradicións e das experiencias vinculadas ao territorio.

Máis de 60 experiencias para o turismo familiar

O turismo familiar ocupa un lugar destacado no stand ourensán coa presentación, como novidade, dun catálogo que reúne máis de 60 experiencias. Esta ferramenta permite achegar aos visitantes propostas concretas para organizar estadías e escapadas en familia, facilitando o coñecemento da diversidade de actividades que ofrece a provincia.

Outro dos eixes da promoción son os Entroidos de Interese Turístico, cun protagonismo especial dos Entroidos do Oriente Ourensán. A súa singularidade e o seu arraigamento constitúen un dos grandes sinais de identidade de Ourense e un atractivo para descubrir a riqueza cultural dos seus concellos.

O Camiño de Santiago completa os produtos de cabeceira do stand, cunha atención especial á Vía da Prata. A promoción deste itinerario pon o foco no seu patrimonio e no seu vínculo co termalismo, dous recursos que enriquecen a experiencia de percorrer a provincia.

Apoio á comercialización da oferta ourensá

A presenza en INTUR incorpora tamén unha vertente profesional, orientada a facilitar contactos e abrir oportunidades de comercialización para o tecido turístico ourensán.

Baixo o paraugas da provincia, nos encontros de INTUR Negocios participaron asociacións de aloxamentos, como Novo Rural, así como pequenas empresas de distintos ámbitos: axencias de viaxes receptivas, guías, aloxamentos e iniciativas especializadas en experiencias de apiturismo.

Estes encontros con comercializadores turísticos permiten dar a coñecer a oferta ourensá a intermediarios do sector e establecer novas relacións profesionais. A Deputación, a través do Inorde, combina así a promoción do destino ante o público co acompañamento ás empresas e asociacións que desenvolven a actividade turística no territorio.