A Deputación promove o termalismo de calidade coa formación de profesionais nun novo curso de especialización en técnicas de benestar

Compartir

• No Pazo Provincial presentouse hoxe a terceira edición deste programa teórico e práctico no que dez alumnos formaranse durante máis de dous meses nos ámbitos hidrotermal e de balneoterapia

Ourense, 9 de setembro de 2021.- A Deputación de Ourense porá en marcha a principios de outubro o terceiro curso de especialización en técnicas de benestar, un programa formativo impartido polo centro Lito Seoane e o grupo Caldaria no que dez alumnos formaranse durante máis de dous meses nos ámbitos hidrotermal e de balneoterapia. O curso foi presentado hoxe no Pazo Provincial pola deputada de Política Social, Luz Doporto; o CEO de Lito Seoane, José Luis Sánchez, e a directora médica de Caldaria, María Dolores Fernández.

Luz Doporto enmarcou este curso "nunha nova mostra da decidida aposta desta institución polo termalismo, que se é considerado como a xoia da coroa do turismo de benestar nestes tempos ten unha relevancia moito maior como a opción de lecer e descanso que a xente máis valora e Ourense ofrece con servizos de alta calidade". Ademais de cualificar este programa como un exemplo máis de colaboración público-privada, Doporto lembrou que grazas ás dúas edicións anteriores "formáronse máis de 30 persoas, achegando os mellores e máis preparados profesionais que o sector necesita para dar resposta á demanda da sociedade".

José Luis Sánchez agradeceu á Deputación de Ourense a posta en marcha deste novo curso "no contexto do gran labor que esta institución está a desenvolver no termalismo", destacando de modo expreso a iniciativa de proxectar no Pazo Provincial a construción do gran hotel balneario de Ourense. Tamén agradeceu ao grupo Caldaria a súa colaboración por facilitar as prácticas dos alumnos, "un valor engadido cunha empresa líder que non poden ofrecer outras iniciativas formativas", sinalando ademais a calidade do profesorado e os resultados obtidos nas dúas edicións anteriores, "cunha inserción laboral que se achega ao 25 %".

A directora médica de Caldaria, María Dolores Fernández, subliñou pola súa banda o elevado nivel de esixencia teórica e práctica do curso, "xa que se precisan profesionais formados para traballar tanto en balnearios como noutro tipo de instalacións sen augas mineromedicinais, e tamén en función do tipo de augas e técnicas a empregar, sexan estéticas, máis dirixidas ao aspecto sanitario ou de lecer".

O curso, gratuíto e reducido a dez prazas polas restricións sanitarias, está dirixido a estudantes con coñecementos en estética e coidados persoais, titulados en enfermaría e no coidado de maiores, ou profesionais que desexen especializarse. Cunha duración de 120 horas a impartir en máis de dous meses, o programa consta de oito módulos que permitirán ao alumnado formarse en técnicas hidrotermais e de balneoterapia, obter habilidades de comunicación para unha mellor atención ao cliente ou desenvolver o seu traballo cos necesarios criterios de hixiene e calidade. As inscricións para o curso, que comezará o 4 de outubro e rematará o 2 de decembro, poden realizarse dende hoxe mesmo a través de internet nas web da Deputación de Ourense, Lito Centro e Caldaria.