A Deputación promove unha produción audiovisual sobre a espada de Mouruás
• Un traballo sobre un obxecto "sumamente relevante non só na historia de Ourense, senón da humanidade, xa que estamos a falar de que foi fundida hai 3.000 anos, o que nos liga directamente coa nosa historia, a nosa esencia e a nosa identidade", dixo Manuel Baltar logo da reunión que mantivo coa actriz e produtora Lucía Álvarez
Ourense, 24 de agosto de 2021.- A Deputación de Ourense vai promover unha produción audiovisual sobre a espada de Mouruás, unha peza de broce con máis de 3.000 anos de antigüidade achada en 1967 no Concello de San Xoán de Río e que se conserva no Museo Arqueolóxico Provincial. Manuel Baltar fixo este anuncio logo da reunión que mantivo hoxe coa actriz, guionista e directora ourensá Lucía Álvarez, natural da pequena aldea onde se atopou a milenaria espada e impulsora deste proxecto, xunto coa pianista Rosa Torres-Pardo a través da produtora Mezzoforte 111.
O presidente provincial destacou a ilusión de Lucía Álvarez por levar adiante este traballo "sobre un obxecto sumamente relevante non só na historia de Ourense, senón da humanidade, xa que estamos a falar de que foi fundida hai 3.000 anos, o que nos liga directamente coa nosa historia, a nosa esencia e a nosa identidade".
Baltar afirmou que esta produción audiovisual "vai ser unha nova oportunidade para darnos visibilidade, como ocorreu coa exposición In Tempore Sueborum, que sobre o mundo suevo organizou a Deputación a finais de 2017 e principios de 2018 con preto de 300 pezas pertencentes a 39 museos europeos. Agora, engadiu, "imos mostrar pezas concretas que, como esta espada, son unha auténtica xoia do noso patrimonio e cunha relevancia histórica que ninguén pode discutir".
Lucía Álvarez engadiu pola súa parte que o proxecto sobre a espada de Mouruás "seguirá unha singular liña que mantemos na nosa produtora, como é deseñar desde o principio unha produción totalmente accesible ás persoas con discapacidade auditiva e visual, facendo así partícipes a todo o mundo das nosas historias".
Depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a espada de Mouruás é unha peza de bronce datada entre os séculos X e IX antes da nosa era. Foi atopada en 1967 na canteira da Pena dos Castros durante os traballos de construción dunha estrada e conservada grazas á iniciativa dunha veciña da aldea, Nemesia Blanco, que contactou co arqueólogo e antropólogo Xesús Ferro Couselo, que verificou a importancia do achado.