A Deputación reafirma o seu compromiso coa recuperación dos núcleos de Viana do Bolo afectados polas riadas
Luis Menor mantivo unha reunión con representantes de Unións Agrarias e colectivos veciñais para analizar as necesidades das zonas damnificadas
O presidente provincial confirmou a reparación urxente e posta en servizo do vial provincial afectado e ofreceu a colaboración da institución para outras actuacións de competencia municipal
Ourense, 28 de agosto de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión con representantes de Unións Agrarias e de asociacións veciñais de Viana do Bolo para analizar a evolución dos traballos de recuperación nos núcleos afectados polas riadas e coñecer directamente as principais demandas dos seus habitantes.
Durante o encontro, os representantes trasladaron ao presidente provincial a súa preocupación polos danos que aínda permanecen e solicitaron que se acometa coa maior urxencia posible a reparación e posta en servizo do vial provincial afectado.
Luis Menor confirmou que a Deputación asumirá as actuacións que lle corresponden no ámbito das súas competencias, especialmente a reparación das estradas de titularidade provincial danadas polas riadas.
O presidente lembrou ademais que a institución provincial actuou desde o primeiro momento, tanto na súa propia rede viaria como na limpeza dos núcleos afectados. Neste sentido, destacou especialmente os traballos realizados pola Deputación na retirada de lodos, pedras, restos vexetais e demais materiais acumulados en localidades como A Bouza e Pixeiros.
Menor agradeceu aos representantes de Unións Agrarias e dos veciños que trasladasen directamente as súas demandas e reafirmou a disposición da Deputación para continuar cooperando co Concello de Viana do Bolo en novas actuacións de carácter municipal que resulten necesarias para avanzar na recuperación das zonas damnificadas.
“Coñecemos e compartimos a preocupación dos veciños. A Deputación asumirá as súas competencias e seguirá colaborando co Concello e co resto das administracións sempre que poida contribuír a acelerar a recuperación e a devolver a normalidade aos núcleos afectados”, afirmou Luis Menor.
O presidente provincial incidiu finalmente na necesidade de manter a coordinación institucional para dar unha resposta eficaz ás consecuencias das riadas, delimitando as responsabilidades de cada administración pero favorecendo a colaboración naquelas actuacións que excedan as competencias propias da Deputación.