A Deputación reafirma a súa aposta polo COB e polo fortalecemento do baloncesto ourensán

Compartir

Luis Menor visitou o adestramento de pretempada do primeiro equipo e reuniuse posteriormente co presidente do club para analizar os retos do novo curso deportivo

A institución provincial achega 250.000 euros para o funcionamento do COB e outros 20.000 para o desenvolvemento da súa área social, ademais de poñer á súa disposición o Paco Paz

Ourense, 20 de agosto de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe no Pazo dos Deportes Paco Paz un dos adestramentos de pretempada do Club Ourense Baloncesto (COB), onde saudou aos xogadores e ao equipo técnico e lles trasladou o apoio da institución provincial ante o inicio dun novo curso deportivo.

Luis Menor desexou ao equipo “unha boa pretempada e unha campaña ilusionante”, confiando en que o traballo destas primeiras semanas “teña despois o seu reflexo na pista e nos resultados”. Tamén destacou a responsabilidade que supón representar a Ourense: “Levades o nome da nosa provincia por toda España e, con el, a ilusión dunha afección que sente o baloncesto dun xeito moi especial”.

Tras asistir ao adestramento, o presidente provincial mantivo unha reunión co presidente do COB para coñecer a planificación e os principais retos deportivos, institucionais e sociais do club para a nova tempada.

A Deputación achega 250.000 euros para o funcionamento do COB, aos que se suman outros 20.000 euros destinados á súa área social, así como a posta á disposición do club do Pazo dos Deportes Paco Paz durante toda a tempada. Este ano, ademais, a institución provincial adiantou a apertura das instalacións a mediados de agosto para facilitar a preparación do equipo.

Menor agradeceu especialmente o traballo que o COB desenvolve fóra da pista, colaborando con diferentes asociacións e promovendo actividades adaptadas para nenos e nenas con distintas capacidades, así como iniciativas no centro penitenciario e no centro de menores.

“O COB non é só o que sucede os días de partido, senón tamén o traballo que realiza durante todo o ano empregando o deporte como ferramenta de inclusión, convivencia e superación”, salientou o presidente provincial.

Luis Menor enmarcou esta colaboración na aposta global da Deputación polo baloncesto ourensán, que inclúe o reforzo das achegas aos clubs da provincia e das Copas Deputación nas categorías de base, incluída a categoría baby.

“Apoiamos o primeiro equipo, pero tamén a base, porque aí comeza o futuro do baloncesto ourensán”, afirmou Menor, quen expresou a aspiración compartida de que este traballo permita “construír un proxecto sólido e avanzar cara ao obxectivo de que Ourense volva ocupar o lugar que merece no baloncesto de elite”.