A Deputación recibe ao Academia Ourense Futsal tras asinar unha tempada histórica entre os catro mellores equipos de España

Compartir

O presidente provincial, Luis Menor, felicitou ao conxunto cadete polo título de campión galego e pola súa brillante participación na Final Four do Campionato de España, destacando o seu exemplo como canteira de valores e referente do deporte base

Ourense, 30 de xuño de 2026.

A Deputación de Ourense rendeu hoxe homenaxe á Academia Ourense Futsal nun acto institucional presidido por Luis Menor, quen recibiu aos integrantes do equipo cadete para recoñecer a extraordinaria tempada realizada, culminada coa conquista do Campionato de Galicia e coa histórica clasificación para a Final Four do Campionato de España. 

O conxunto ourensán alcanzou este fito despois de proclamarse campión galego e superar en Ourense a fase clasificatoria na que participaron os mellores equipos de seis comunidades autónomas, o que lle permitiu acceder á fase final do Campionato de España. Na Final Four enfrontouse a tres das mellores canteiras do país —FC Barcelona, Sala Zaragoza e Moprisala Toledo—, situándose entre os catro mellores equipos de España. 

Durante a recepción, celebrada no Pazo Provincial, o presidente provincial, acompañado polo asesor de Deportes da Deputación, Diego Enrique Álvarez, felicitou aos xogadores, ao presidente do club, Eulogio Pérez, ao coordinador Marcial Losada, ao director deportivo Javier López e ao corpo técnico polo éxito acadado, poñendo en valor o orgullo que supón para toda a provincia contar cun equipo que levou o nome de Ourense á elite do fútbol sala base nacional.

“É unha honra e un auténtico orgullo recibirvos hoxe aquí, na Deputación de Ourense, que é a casa de todos os ourensáns. E hoxe, máis ca nunca, é tamén a casa duns auténticos campións”, expresou Luis Menor.

O presidente destacou que proclamarse campións galegos xa constitúe un mérito extraordinario, pero subliñou especialmente o paso dado ao situarse entre os catro mellores equipos de España.

“Competir contra clubs da entidade do FC Barcelona, Sala Zaragoza ou Moprisala Toledo e rematar entre os catro mellores equipos do país é unha auténtica fazaña que merece todo o noso recoñecemento”, afirmou. 

Luis Menor aproveitou tamén a ocasión para reiterar o compromiso da Deputación de Ourense co deporte base, que definiu como unha ferramenta esencial para a formación integral da mocidade. “O deporte ensina valores imprescindibles para a vida como o esforzo, o compañeirismo, a disciplina, o respecto e a capacidade de superación. Son principios que compartimos e defendemos desde a Deputación, polo que seguiremos apoiando ás entidades que, como a Academia Ourense Futsal, contribúen a formar mellores deportistas, pero sobre todo mellores persoas”, sinalou.

O presidente provincial rematou trasladando os parabéns a todo o club polo traballo desenvolvido ao longo da tempada e animounos a continuar medrando deportivamente: “Grazas polo voso traballo, polos momentos que nos fixestes vivir e por levar con orgullo o nome de Ourense por toda España. Parabéns por esta tempada inesquecible e a por moitas máis”, concluíu Menor.