A Deputación recorrerá a sentenza pola nulidade da convocatoria do concurso para a provisión de postos de traballo da RPT
- Considera gravemente erróneos os fundamentos xurídicos da resolución xudicial, e que se confunden os conceptos de praza e posto.
Ourense, 9 de outubro de 2017.– Os servizos xurídicos da Deputación de Ourense interporán recurso de apelación contra a sentenza n.º 151/2017, do 2 de outubro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 2 de Ourense, pola que se declarou a nulidade da convocatoria e bases reguladoras do concurso ordinario para a provisión de diversos postos de traballo da RPT da Deputación Provincial de Ourense, publicadas no BOP de Ourense n.º 245 de 24 de outubro de 2016.
A Deputación de Ourense recorrirá dita resolución xudicial por considerar gravemente erróneos os seus fundamentos xurídicos. A sentenza considera que a convocatoria restrinxe inxustificadamente o acceso aos postos ao esixir como requisito para participar no concurso que se deba ostentar a categoría ou categorías profesionais especificadas nas fichas de cada posto da RPT. Desta determinación, o xulgado deduce que se está restrinxindo a posibilidade de participar no concurso a aqueles aspirantes que xa desempeñasen o posto en cuestión. Isto é absolutamente falso (como o demostra o feito de que no dito concurso, en determinados casos, obtiveron o posto persoas que non o estaban desempeñando previamente fronte aos solicitantes que si estaban nesa situación).
O erro do xulgado reside en identificar a pertenza a unha categoría profesional co desempeño previo dun posto, cando son cousas distintas, xa que a categoría profesional non se adquire polo desempeño de ningún posto, senón pola superación das probas de acceso á función pública provincial ou á condición de persoal laboral fixo.
Noutras palabras, o xulgado confunde os conceptos de praza e posto. A categoría profesional é un elemento da praza, cuxa posesión por un empregado público non depende do feito de que desempeñase previamente un determinado posto.
A partir deste erro, todo o razoamento da sentenza vense abaixo.
Evidentemente, non todo o persoal da Deputación Provincial pode acceder a calquera dos postos ofertados no concurso. Así, por exemplo, un chofer non pode acceder a un posto de chapista ou un xestor de administración xeral non pode acceder a un posto de técnico asesor de avaliación ambiental. A RPT esixe, loxicamente, a posesión dunha determinada categoría ou categorías profesionais dentro do grupo de titulación de que se trate. O contrario levaríanos ao absurdo de supoñer que os postos da administración non requiren ningún tipo de especialización profesional e que, por conseguinte, un albanel poida facer o traballo dun mecánico ou viceversa.
En todo caso, as bases do concurso limitáronse neste punto a recoller as categorías profesionais esixidas pola RPT, que non fora obxecto de impugnación no seu día polo sindicato agora recorrente.