A Deputación reforza con 80.000 euros o investimento do programa ExportOU da CEO para incrementar a “posición competitiva” das empresas ourensás no mercado global

Compartir

Luis Menor destacou o papel dos emprendedores ourensáns na búsqueda de oportunidades e de expansión, a pesar das trabas e as dificultades da internacionalización

Marisol Nóvoa fixo referencia á evolución da plataforma, que se converteu en “máis útil e potente” nos últimos tempos

O tenente alcalde de Carballiño, José Castro, sinalou a importancia para a economía local de Frigoríficos Arcos

O programa ExportOU aspira en 2025 a consolidarse como referente provincia no apoio á internacionalización das empresas ourensás

Posicionar os produtos ourensáns na gastronomía contemporánea e crear comunidades colaborativas son parte dos obxectivos específicos do proxecto para este ano

Ourense, 21 de abril de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá, acompañado pola presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa e tenente-alcalde de Carballiño, José Castro, nunha visita á empresa Frigorífico Arcos, no polígono industrial da Uceira, en O Carballiño, unha das beneficiarias do programa ExportOU, referente provincial no apoio aos emprendedores ourensáns na súa expansión internacional.

Durante a visita institucional, Luis Menor presentou o impacto e os obxectivos estratéxicos da nova edición do ExportOU, que en 2025 incrementa o investimento da Deputación ata 80.000 euros, fronte aos 75.000 que se viñan aportando nos últimos anos.

O presidente provincial reivindicou aos emprendedores da provincia, co exemplo de Frigoríficos Arcos, que “dende Carballiño, e dende a provincia, somos quen de facer un gran produto e de competir, dando un paso máis adiante na exportación”.

Menor reivindicou o papel da Deputación na aposta este ano por aumentar a contía adicada ao ExportOU. “Queremos facilitar aos empresarios ferramentas para que poidan medrar e internacionalizarse, a pesar das dificultades e trabas para comercializar os seus produtos nun mercado global en constante evolución”, dixo o presidente provincial.

“Non queremos chorar, queremos competir”, recalcou Menor, sinalando como “valente” iniciativas como o ExportOU fronte ás trabas e os aranceis que marcan a actualidade. “Estou orgulloso de que a nosa provincia deixe de chorar e pensar que aquí non hai oportunidades e se adique a exportar e a abrir oportunidades", dixo.

Neste sentido, aposta por ExportOU como unha iniciativa “útil, competitiva, dixital e innovadora” que serva aos empresarios para afrontar os desafíos do mercado internacional e reforzar a súa “posición competitiva”.

Por outra banda, a presidenta da CEO fixo un balance do programa, destacando que ExportOU "non só evoluciona, senón que se transforma nunha plataforma máis potente e útil, pensada para que ningunha empresa se quede sen aproveitar o seu potencial internacional”.

Pola súa banda, o tenente alcalde de Carballiño, José Castro, sinalou a importancia para a economía local de Frigoríficos Arcos.

Balance do programa

Nestes oito anos, o proxecto ExportOU logrou cifras destacables: máis de 300.000 usuarios rexistrados de 41 países e 700.000 visitas á plataforma dixital, máis de 770 encontros comerciais realizados con 312 visitas e 458 encontros comerciais, 58 empresas no directorio internacional ‘Marca Ourense’ con 102 referencias en español, inglés e francés, e a utilización de ferramentas innovadoras como as visitas virtuais 360º.

Obxectivos do programa ExportOU 2025

O programa ExportOU aspira a consolidarse como referente provincial no apoio á internacionalización das empresas ourensás para este 2025. Neste sentido, algúns dos obxectivos estratéxicos son:

Impulsar a transformación dixital e sostible do tecido empresarial, especialmente das pemes e empresas rurais; ampliar e diversificar a presenza das empresas ourensás en mercados nacionais e internacionais; crear comunidades colaborativas e dinámicas, como a Comunidade exportou>ESG; posicionar os produtos ourensáns na gastronomía contemporánea mediante iniciativas como Exportou>GASTROEVOLUCIÓN; fomentar a adopción de prácticas empresariais responsables e sostibles; aplicar intelixencia artificial e tecnoloxías transformadoras para optimizar os procesos de internacionalización e mellorar a experiencia de usuario e reforzar o papel de Exportou como servicio público avanzado e referente provincial no apoio á internacionalización e a competitividade empresarial.

O programa ExportOU pretende contribuír a crear un tecido económico provincial máis resiliente, innovador e preparado para os desafíos do futuro nun mundo cada vez máis global.

Frigoríficos Arcos, referente de expansión

Frigoríficos Arcos SL é unha das empresas involucrada en ExportOU desde os seus inicios en 2017, aproveitando activamente o programa para a súa internacionalización.

Estes emprendedores de O Carballiño participaron en misións inversas, logrando clientes internacionais e recibindo asesoramento especializado en comercio exterior. Ademais, son os gañadores do I Premio José Manuel Pérez Canal á Exportación.

Durante a súa intervención, o xerente de Frigoríficos Arcos agradeceu a participación neste tipo de proxectos e sinalou que teñen pasado de dous a máis de 30 empregados, ademais de estar posicionados en 20 países de todo o mundo.