A Deputación reforza en Termatalia 2026 o termalismo social como ferramenta de benestar, inclusión e cohesión provincial
A Área de Benestar contará cun posto propio para dar a coñecer un programa que, nos seus 11 anos de traxectoria, beneficiou a 27.808 persoas, xerou preto de 90.000 pernoitas e permitiu aplicar máis de 202.000 técnicas termais
A institución provincial presentará novas liñas destinadas a previr a soidade non desexada e o deterioro cognitivo leve, favorecer a inclusión e promover hábitos de vida saudables
Entre as novidades figuran os Sendeiros Azuis en contornas termais, cuxo coidado e mantemento se realiza a través dun centro especial de emprego
O público poderá participar na proposta interactiva “Xira e descubre os misterios termais de Ourense” para poñer a proba os seus coñecementos sobre o patrimonio termal da provincia
Ourense, 18 de setembro de 2026.
A Deputación de Ourense estará presente un ano máis en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, cun posto institucional da Área de Benestar desde o que dará a coñecer os programas e proxectos que desenvolve arredor do termalismo como recurso ao servizo das persoas.
Baixo o lema «Ourense sabe a termalismo. E ti, canto sabes?», a Deputación reafirma en Termatalia 2026 o seu compromiso cun termalismo entendido como ferramenta de benestar, inclusión social e laboral, envellecemento activo e cohesión provincial.
A institución provincial leva máis dunha década traballando para transformar o potencial termal de Ourense nunha política pública vinculada ao benestar, o envellecemento activo, a prevención, a inclusión, a convivencia e a mellora da calidade de vida.
Este enfoque sustenta precisamente o Programa de Termalismo Social da Deputación, unha iniciativa consolidada que facilita o acceso da cidadanía aos recursos termais da provincia e que foi incorporando novas modalidades para responder ás necesidades sociais e demográficas do territorio.
Once anos de Termalismo Social
Os datos acumulados ao longo de 11 anos reflicten o alcance do programa: 27.808 persoas beneficiarias, preto de 90.000 pernoitas e máis de 202.000 técnicas termais.
A rede conta actualmente con sete balnearios participantes, tras a incorporación de Allariz. En 2025 tomaron parte 2.808 persoas e xeráronse arredor de 10.000 pernoitas, mentres que a edición de 2026 xa supera as 2.000 solicitudes.
A iniciativa busca mellorar o benestar das persoas, previr situacións de illamento, favorecer a socialización e facilitar o acceso a programas saudables nunha contorna especialmente axeitada. A súa evolución permitiu configurar un modelo máis inclusivo, especializado e conectado coa realidade da provincia.
Novas respostas ás necesidades sociais
Entre as novas liñas figuran os programas destinados a combater a soidade non desexada, que aproveitan as estadías termais para favorecer a convivencia, a interacción e a creación de vínculos sociais.
A Deputación tamén desenvolve propostas de termalismo inclusivo e adaptado para persoas con deterioro cognitivo leve e outros colectivos con necesidades específicas. Trátase de avanzar cara a un modelo capaz de combinar prevención, saúde, actividade física, relacións sociais, inclusión e participación comunitaria.
Sendeiros Azuis en contornas termais
Nesta mesma filosofía enmárcanse os Sendeiros Azuis, itinerarios en contornas termais que conectan actividade física, natureza, patrimonio e promoción de hábitos saudables.
O seu coidado e mantemento realízase a través dun centro especial de emprego, incorporando a inclusión laboral das persoas con discapacidade ao propio desenvolvemento do proxecto. A iniciativa permite así conservar os espazos públicos e, ao mesmo tempo, crear oportunidades de emprego para persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.
Un modelo en continua evolución
A Deputación continuará ampliando as posibilidades do Termalismo Social con propostas adaptadas a diferentes colectivos e necesidades. Nesta liña sitúanse tamén Termalismo con Estrelas, que incorpora novas experiencias ás estadías, e outras iniciativas de innovación e coñecemento arredor das augas mineromedicinais e das súas aplicacións no ámbito do benestar.
O obxectivo é consolidar un modelo propio no que os recursos termais da provincia formen parte dunha política máis ampla de prevención, envellecemento activo, inclusión, convivencia e calidade de vida.
Ourense sabe a termalismo. E ti, canto sabes?
As persoas que se acheguen ao posto da Área de Benestar poderán informarse sobre as diferentes modalidades do programa e coñecer os novos proxectos impulsados pola institución provincial.
Ademais, poderán participar en «Xira e descubre os misterios termais de Ourense», unha proposta lúdica e divulgativa na que deberán xirar unha ruleta e responder preguntas sobre os balnearios, as augas mineromedicinais, a historia e as singularidades termais da provincia, coa posibilidade de obter un premio.