A Deputación reforza a oferta turístico-termal na Baixa Limia colaborando no novo complexo hoteleiro da Casa do Baño de Bande

Compartir

O presidente provincial, Luis Menor participou hoxe na inauguración do novo complexo hoteleiro e termal que reforza a capacidade de aloxamento e complementa a oferta do destino da comarca e tamén de “Ourense Termal”

 

As obras de mellora executáronse no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, liderado pola Deputación e coordinado a través do Inorde, que conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e do Estado

Bande, 22 de xullo de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor Pérez, participou hoxe, xunto á alcaldesa de Bande, Sandra Quintas;  o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e a xerente do Inorde, Emma González, no acto oficial de inauguración da emblemática Casa do Baño de Bande, un fito estratéxico para a dinamización económica da Baixa Limia. 

As obras de mellora do novo complexo hoteleiro e termal executáronse no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en "Ourense Termal", liderado pola Deputación e coordinado a través do Inorde, e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Estado.

A Deputación como aliada estratéxica do rural ourensán

Esta nova infraestrutura hoteleira nace para ser un catalizador que se integra de forma harmónica no gran patrimonio natural da Baixa Limia, potenciando as sinerxías co campamento romano de Aquis Querquennis, a igrexa de Santa Comba e o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. 

Neste sentido, Menor puxo en valor a importancia do turismo como “motor real” de dinamización para o rural ourensán e como ferramenta clave para loitar “contra o despoboamento” creando emprego, xerando riqueza e dotando de oportunidades ao territorio. Deste xeito, a inauguración da Casa do Baño reforza a capacidade de aloxamento e complementa a oferta do destino desta comarca e tamén de “Ourense Termal”.

Xosé Manuel Merelles puxo en valor a cooperación institucional para este proxecto, “un dos mellores investimentos que se pode facer para dotar de aloxamento turístico a un concello con recursos tan importantes como Bande”. Sandra Quintas, pola súa banda, destacou que estas instalacións hoteleiras permitirán acoller a moitas das persoas que se achegan ata un enclave termal “que forma parte do noso patrimonio”.

Melloras de accesibilidade, mobiliario e eficiencia enerxética

Cun investimento de máis de 130.000 euros, a Deputación levou a cabo a mellora e acondicionamento do aparcadoiro e accesos para facilitar a apertura do hotel rural de titularidade pública, actuando sobre 1.145 m² de superficie.

Tamén se levaron a cabo actuacións de eficiencia enerxética, instalándose un sistema de vangarda que converte o edificio nun modelo de sostibilidade ambiental con emisións mínimas, adaptado ás altas esixencias ambientais da contorna.

E, por último, ao abeiro do plan "Ourense Colle Velocidade", financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), dotouse as estancias cun equipamento de descanso rural de alta calidade.