A Deputación reforza os seus lazos de colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol, acordando un estudo para crear un equipamento provincial na Tecnópole

Compartir

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu ao novo presidente deste organismo, Pablo Prieto, xunto a membros da súa directiva, e coincidiron en que esta instalación onde hai 3 campos de fútbol e desuso “debe ser recuperada”, polo que ambas institucións colaborarán no deseño e na posterior execución do proxecto

Ourense, 13 de marzo de 2025.

Unha representación da nova directiva da Real Federación Galega de Fútbol, co seu recén elixido presidente, Pablo Prieto, foron recibidos no Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Luis Menor, quen lles transmitiu, en nome da institución provincial, os parabéns por esta responsabilidade. 

Na reunión, na que participaron tamén o director de Área de Deportes e o asesor de Política Deportiva, Marcos Vázquez e Diego Enrique Álvarez, así como o vicepresidente da RFGF, José M. Fernández e o delegado da mesma, Raúl Rois, repasáronse unha serie de obras que está acometendo a Deputación e que superan os 2,5 millóns de euros en 6 campos de fútbol, coa colaboración da Federación. “Temos claro que manteremos e reforzaremos a colaboración institucional para seguir avanzando no fútbol da provincia, con especial dedicación ao fútbol base”. 

No encontro foi reiterado tamén o interese da Deputación na construción dun equipamento provincial de fútbol no Parque Tecnolóxico onde hai actualmente 3 campos de fútbol en desuso “e que deben ser recuperados para dar servizo á área metropolitana de Ourense, onde se concentran máis licenzas federativas”, explicou o presidente Luis Menor. Dado que se trata dun proxecto no que ambas institucións manteñen o seu interese, a Deputación e a RFGF emprazáronse a colaborar no deseño e na posterior execución do proxecto, que será de carácter provincial. 

Menor recalca que ambas institucións sinalaron o encontro como “moi fructífero”, dado que comparten “o obxectivo de promover a práctica deportiva do fútbol e promover hábitos de vida saudable poñendo a disposición os mellores recursos posibles na nosa provincia”.