A Deputación rende tributo á obra de Tomás Vega cunha exposición "Antolóxica" de fotografía
- A exposición, que será inaugurada hoxe ás 19.00 horas, poderá visitarse ata o día 9 de decembro.
Ourense, 26 de outubro de 2018.- A Deputación de Ourense, a través do centro cultural "Marcos Valcárcel", rende tributo a Tomás Vega Pato e ao seu polifacético traballo cunha exposición antolóxica de fotografía en branco e negro que se inaugura hoxe ás 19:00 horas, e que poderá visitarse ate o día 9 de decembro.
Tomás Vega Pato (Manzaneda, 1938) ten desenvolvido un amplo traballo como fotógrafo, como etnógrafo, debuxante e persoa comprometida co seu entorno, tal como salientaron os promotores da mostra, Marta Vega e Xosé Lois Vázquez.
O Tomás artista foi definido por Marta Vega como a persoa que tivo un fío condutor na súa vida: "o amor pola natureza, o amor polo cotián e polo rural", mentres que Xosé Lois Vázquez salientou a "permanente curiosidade de Vega Pato, feito que o levou a converterse nun erudito en todo aquilo que emprendía, dende a fotografía química á dixital, a etnografía ou a recuperación histórica".
O asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar agradeceu o intenso traballo realizado por Tomás Vega, que ten no seu haber importantes premios fotográficos e ate dez participacións en mostras do Outono Fotográfico ourensán.