A Deputación solicita á Xunta a cesión de espazos na Casa Grande de Viloira para establecer unha sede provisional en Valdeorras

Compartir

Unha vez atendida esa cesión, a Deputación instalaría de xeito inmediato a súa sede provisional neste espazo para desenvolver a axenda de Valdeorras coa deputada delegada especial para esta zona á fronte, María del Carmen González, tal e como se comprometeu o presidente provincial na súa investidura

Luis Menor recalca que as conversas que se están a manter coa Xunta "van encamiñadas a que esta petición poida ser atendida dun xeito inmediato coa fin de poder cumprir esa promesa canto antes", agradecendo a excelente disposición da Administración Autonómica para colaborar neste eido

Ourense, 5 de setembro de 2023.- A Deputación de Ourense vén de solicitar formalmente á Xunta de Galicia a cesión dun espazo para o seu uso como sede provisional da institución provincial en Valdeorras. Este emprazamento sería na Casa Grande de Viloira, e a súa apertura sería con carácter inmediato, unha vez obtida a cesión.

Cumpriríase así co compromiso adquirido na investidura do presidente provincial, Luis Menor, de contar canto antes cunha sede permanente da Deputación Provincial para desenvolver a axenda de Valdeorras, e que se complementa coa designación de María del Carmen González Quintela como deputada delegada especial para a comarca valdeorresa, que xa está a liderar a acción de goberno marcada pola Deputación para esta zona da provincia.

Tal e como manifesta Luis Menor "as conversas que mantemos coa Xunta van encamiñadas a que esta petición poida ser atendida dun xeito inmediato coa fin de poder cumprir esa promesa canto antes", agradecendo a excelente disposición da Administración Autonómica para colaborar neste eido.

Do mesmo xeito, o presidente provincial recalca que esta cesión de espazos, -solicitada con carácter provisional pero inmediato-, na Casa Grande de Viloira, faríase sen prexuizo das xestións realizadas para o establecemento da sede definitiva da Deputación en Valdeorras. "É perfectamente compatible contar cunha sede provisional mentras seguimos na procura dun emprazamento definitivo", sinala o presidente provincial.